O Concello de Lugo ofrécelle aos usuarios da TDT chamar ao 010 para canalizar os problemas que poidan xurdir co paso á televisión dixital

Martes, 30 de marzo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo actuará como intermediario entre os usuarios da Televisión Dixital Terrestre e a Xunta de Galicia, competente da correcta recepción do sinal dixital. A través do 010, o Goberno local ofrece canalizar as posibles deficiencias que detecten os usuarios e darlle traslado á Xunta de Galicia para a súa resolución.

Actualmente, a sinal das cadeas xeneralistas de tv recibidas no municipio de Lugo provén da sinal terrestre emitida desde o monte Páramo (Sarria) que serve a máis do 90% de poboación do municipio. Os demais, preto de 9.000 veciños, sérvense da sinal de 5 microemisores situados en Ombreiro, Montirón, Samasas, Vilar de Poutomillos e a Croa.

O Concello de Lugo ten facilitado os terreos e as infraestruturas necesarias (accesos, poste-soporte, aparellaxe e subministro eléctrico) e ten asumido o mantemento e reparación de todo o equipamento derivado da instalación dos microemisores por parte da Xunta.

Con motivo da aprobación do Plan Nacional da TDT a Administración Xeral do Estado e a CCAA asinaron un convenio marco para o desenvolvemento do plan co obxectivo de substituír os microemisores existentes por equipos adaptados á TDT.

Para a zona que comprende o municipio de Lugo, os estudos técnicos resolveron que as mellores ubicacións para dar cobertura á maior parte da poboación corresponde cos emprazamentos de Páramo, Penarrubia, e Ombreiro, quedando en zona de sombra o noroeste do Casco urbano (barrio da Estación, parte baixa das Gándaras e Galegos).

Solución para as zonas de sombra
Para resolver este problema o Concello de Lugo xestionou a utilización das instalacións que a empresa Telefónica Móviles España ten na rúa Venancio Senra para acoller o citado equipo de TDT, polo seu emprazamento e adecuación técnica.

Nos próximos días quedarán sen servizo os antigos reemisores, polo que se lle pide aos veciños que se poñan en contacto cos antenistas e instaladores para que orienten as antenas aos novos emisores da TDT.

Noticias relacionadas