O Concello de Lugo manterá pechados ao público os edificios da Praza Maior e Seminario, agás o Rexistro ao que se poderá acceder só en horario de mañá e mediante cita previa

Luns, 16 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

En función do decreto asinado onte polo Concello de Lugo cos servizos públicos municipais esenciais e imprescindibles como medida preventiva para evitar contaxios dos usuarios e dos empregados públicos, lémbrase que se manterán pechadas ao público as dependencias municipais da Praza Maior e do Edificio Administrativo do Seminario, agás o Rexistro ao que se poderá acceder só en horario de mañá e sempre e cando se solicite cita previa a través do 010.

As persoas que precisen acudir a este departamento para facer entrega dalgún documento oficial deberán poñerse en contacto primeiramente con este servizo municipal de atención telefónica, que foi reforzado con máis persoal, onde se lles concretará día e hora para realizar o trámite que precisen.

Só será posible levar a cabo estas xestións en horario de mañá xa que durante a tarde ámbolos dous inmobles permanecerán pechados ao público.

O goberno de Lara Méndez asinaba este domingo un decreto a través do cal quedou regulado o funcionamento dos servizos públicos para axustalos ás limitacións impostas pola declaración do Estado de Alarma.

A excepción dos servizos de seguridade cidadá (Policía e Bombeiros) e do Servizo de Axuda ao Domicilio, que manteñen a asistencia presencial, ao 100%, nos postos de traballo, o resto de empregados públicos desenvolverán o seu labor, con carácter xeral, mediante sistemas non presenciais e, no caso dos servizos de limpeza e recollida de lixo, aseo de edificios, atención social, brigada de augas e conserxería así como o propio rexistro, diminuirán o número de efectivos que deben acudir presencialmente aos seus postos, como medida preventiva para evitar a propagación do coronavirus.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o peche ao público das dependencias municipais | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas