O Concello de Lugo incorporará 1,5 millóns de euros de remanentes para a implantación dos sistemas de acceso ao centro histórico, melloras en persoal e os actos do 25 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

A modificación orzamentaria financiarase con fondos propios procedentes da liquidación positiva do orzamento de 2024.

Estes recursos, non incorporados ao orzamento vixente, destinaranse a necesidades sobrevidas detectadas ao longo do exercicio.

O alcalde, Miguel Fernández, subliña que “estes fondos son froito da boa xestión económica e permítennos seguir mellorando os servizos e impulsando proxectos clave para a cidade”.

Martes, 21 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo incorporará 1,5 millóns de euros de remanentes para a implantación dos sistemas de acceso ao centro histórico, melloras en persoal e os actos do 25 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

O Concello de Lugo incorporará 1,5 millóns de euros de fondos municipais para reforzar distintas áreas de xestión e financiar proxectos prioritarios en materia de mobilidade, persoal, cultura e medio ambiente.

A modificación orzamentaria financiarase integramente con remanentes de Tesourería para gastos xerais procedentes da liquidación positiva do orzamento de 2024, é dicir, con recursos propios cos que conta o Concello grazas á súa boa xestión económica e ao equilibrio das contas municipais.

Os recursos destinaranse principalmente á implantación dos sistemas de control de acceso ao centro histórico, cun investimento de 1 millón de euros, que permitirá mellorar a ordenación da mobilidade e o tránsito de vehículos na zona, contribuíndo a facer un centro máis accesible, seguro e respectuoso co patrimonio.

Tamén se incorporarán 160.000 euros para a modernización da xestión municipal, mediante un novo sistema informático de persoal e recursos humanos que facilitará unha administración máis áxil e eficiente.

Trátase de fondos non incorporados ao orzamento vixente de 2025, que agora se destinan a atender necesidades sobrevidas ao longo do exercicio, mantendo a estabilidade financeira e sen recorrer a endebedamento.

O alcalde, Miguel Fernández, explicou que esta medida “amosa a solvencia do Concello e o uso responsable dos recursos públicos, poñendo os aforros municipais ao servizo da cidade e da veciñanza”. “Son fondos que nos permitirán seguir avanzando en proxectos clave, mellorar a xestión interna e apoiar iniciativas culturais e patrimoniais que fortalecen a identidade de Lugo”, sinalou o rexedor.

Ademais, a modificación orzamentaria incluirá 50.000 euros para os actos de conmemoración do 25º aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, que se celebrarán ao longo do mes de novembro con programación institucional, cultural e divulgativa.

O acordo completará a distribución con 65.000 euros destinados a reparacións e mantemento de edificios municipais, 50.000 euros para actuacións ambientais e mellora das instalacións vinculadas á xestión de biomasa, e 164.000 euros para o San Froilán 2025.

Fernández destacou que a incorporación destes fondos “non suporá novo endebedamento nin incremento estrutural do gasto, senón o aproveitamento do resultado positivo do exercicio anterior para atender necesidades reais da cidade”.

“Lugo é unha administración solvente, que cumpre cos seus compromisos e que pode destinar o resultado positivo da súa xestión a mellorar os servizos, modernizar a administración e impulsar proxectos de futuro”, afirmou o alcalde.

Engadiu ademais que “estas medidas demostran que a planificación e o rigor dan resultados, e que se pode xestionar con responsabilidade e, ao mesmo tempo, investir no que importa: as persoas e o benestar da cidade”.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a incorporación de remanentes | Descargar mp3

Noticias relacionadas