O Concello de Lugo estudará as propostas da cidadanía para os orzamentos do ano 2009

Xoves, 07 de agosto de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Economía e Emprego, que dirixe
Sonia Méndez, está a preparar o proceso de redacción dos orzamentos municipais
do vindeiro ano 2009. Neste proceso quere dar cabida ás opinións e aportacións
por parte da cidadanía lucense.

Trátase de acadar uns orzamentos participativos que permitan á cidadanía
decidir en que investir parte dos cartos municipais. Por iso, o pasado venres,
día 1 de agosto, enviouse unha carta ás asociacións de veciños para que realicen
as súas aportacións que se recibirán na Área de Participación Cidadá. Ademáis
abrirase un buzón de suxestións no portal web do Concello, www.lugo.es, para que os lucenses poidan realizar
as súas aportacións de ideas de maneira individual. Tamén se aceptarán as
peticións a través do correo postal e do Rexistro municipal que serán dirixidas
ao servizo de Participación Cidadá.

Neste proxecto pódese suxerir todo o que os cidadáns e asociacións consideren
necesario para a cidade. Unha vez recibidas todas as propostas, estudarase a súa
viabilidade e valoraranse en función de prioridades como o seu interés xeral, a
súa urxencia, o apoio cidadán, etcétera. Valoradas as propostas se incluirán
para a súa execución á entrada en vigor dos orzamentos municipais do 2009.

O prazo para realizar as suxestións estará aberto ata o día 15 de setembro.
Dende a Concellería de Economía e Emprego pídese prudencia nas suxestións xa que
os recursos económicos do Concello son limitados.

Acceso ó buzón de suxestións ao orzamento municipal
2009

Noticias relacionadas