O Concello de Lugo e a Policía Nacional colaboran nun programa para previr das estafas ás persoas maiores

Martes, 29 de setembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, e o Inspector da Policía Nacional, Manuel Merillas, presentaron o programa Policía-Maior que se levará a cabo nos centros de convivencia do Concello de Lugo para informar ás persoas maiores de 65 anos sobre a prevención dos timos.

Rábade agradeceu á Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil o labor que están a levar a cabo a través do programa de participación cidadá e de axuda aos maiores.

O obxectivo deste programa é chegar ás persoas da terceira idade nos centros nos que habitualmente conviven para informalos e previr dos actos delictivos dos que poden ser vítimas.

O programa desenvólvese coa exposición dun DVD na que se mostran os timos máis habituais, para tratar de evitar que así sexan vítimas destes delitos nas distintas variedades.

Nestas sesións, que serán impartidas por policías nacionais, dánselle ao asistente as pautas a seguir para previr os roubos e as estafas na rúa, na propia vivenda e nos viaxes, medidas de seguridade básicas como: evitar saír á rúa con cartos, non aceptar propostas na rúa ou non abrir a porta a descoñecidos.

A primeira das charlas será impartida mañá mércores 30 de setembro no Centro de Convivencia de Fingoi a partir das 18:00 horas. A seguinte terá lugar no Centro de Convivencia do Uxío Novoneyra o 14 de outubro á mesma hora.

Multimedia

Noticias relacionadas