O Concello de Lugo destina 6 millóns de euros do Remanente a importantes investimentos na cidade

O Suplemento de Crédito aprobado dará cobertura a necesidades derivadas do COVID e permitirá executar obras de mellora en moitas rúas da capital así como a renovación do alumeado público

O documento contempla o incremento dalgunhas partidas orzamentarias para realizar proxectos necesarios para Lugo como a rotonda de San Eufrasio ou fornecer as prestacións de Axuda e Xantar no Fogar

Xoves, 30 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo destina 6 millóns de euros do Remanente a importantes investimentos na cidade

O Concello de Lugo destinará 5.918.842’51 euros, procedentes do Remanente de Tesourería, a importantes investimentos na cidade.

O equipo de goberno presentaba esta mañá ao Pleno da Corporación, un Suplemento de Crédito co que abordar diferentes necesidades non só da veciñanza senón tamén dos diferentes servizos municipais que precisaban dunha provisión de fondos para continuar desenvolvendo o seu labor con eficacia.

A rexedora, Lara Méndez, sinalou que a medida pon de manifesto, primeiramente, a solvencia financiera da administración local pero tamén a vontade do executivo por mellorar e incrementar as dotacións públicas.

“Unha vez máis cómpre salientar a liquidez da institución que non só mantén débeda cero coas entidades bancarias senón que tamén reflicte a existencia dun superávit superior aos 9 millóns de euros o que permitirá agora a disposición de capital para facer fronte a gastos imprevistos, derivados na súa maioría da crise sanitaria vivida, ao tempo que se abordan outras actuacións, fundamentais para Lugo, como a mellora de moitas infraestruturas”, indicou a alcaldesa.

Así, Méndez destacou partidas como as que se empregarán na conservación e mantemento da rede de abastecemento de auga potable, que alcanzan os 370.000 euros, ou as dirixidas á continuidade de prestacións tan fundamentais como o Xantar e a Axuda no Fogar para as que se reservaron 240.000 € co obxectivo de atender o incremento da demanda, xerada pola pandemia, entre os colectivos máis vulnerables.

Terán cabida igualmente outras contías para acometer tarefas extraordinarias de limpeza e desinfección dos edificios municipais, co fin de evitar a propagación do coronavirus, e que alcanzan os 200.000 euros, ou os 160.000 € que se contemplan para realizar melloras enerxéticas e urbanísticas en instalacións municipais do Casco Histórico.

Pola súa banda, o Tenente de Alcaldesa, Rubén Arroxo anunciou as inversións que o Suplemento contempla para as áreas que lidera. Segundo Rubén Arroxo, “trátase dun suplemento importante para Lugo, que permitirá avanzar en proxectos importantes no ano da gran transformación da mobilidade na cidade”.

“Na área de Mobilidade e Infraestruturas realizamos múltiples investimentos para continuar a actuar no mantemento dos distintos barrios da cidade e na mellora da iluminación en toda a cidade”, afirmou Rubén Arroxo. En total, na área de Mobilidade e Infraestruturas investiranse 2.420.000€ para o mantemento da cidade, no que se inclúen 200.000€ para a peonalización da Mosqueira e 430.000€ para distintas actuacións no barrio de Fontiñas, no que se inclúe a rotonda de San Eufrasio “na que se comezará a traballar unha vez a Xunta realice a cesión dos terreos necesarios”, afirmou Rubén Arroxo.

Ademais, inclúense 280.000€ para a semipeonalización do barrio de Recatelo e 200.000€ “que serán destinados a un plan de actuacións nos polígonos do Ceao e das Gándaras”, declarou Arroxo, que engadiu “ademais, incluímos 50.000€ para fomentar o uso de medios de transporte alternativos e as novas liñas de bus urbano”.

No tocante á mellora da iluminación, o suplemento de crédito achega 753.000€ para distintos proxectos en toda a cidade que, segundo Rubén Arroxo “permitirán aforrar cada mes no gasto en electricidade, ao instalarse luminarias LED, que fan un menor consumo enerxético”.

“As concellerías dependentes da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua tamén levan partidas neste suplemento para continuar a avanzar nos seus proxectos”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou os 100.000€ que se investirán na promoción turística da cidade “nun ano no que o turismo de proximidade vai ser a clave para o mantemento do sector” ou  a actualización tecnolóxica e de contidos expositivos do MIHL, para a que se destinan 60.000€.

Na concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, achéganse 120.000€ para melloras nos centros escolares e 20.000€ para proxectos pedagóxicos.

Na área de Participación e Servizos para a Veciñanza incorporaranse 60.000€ para distintos arranxos do cemiterio municipal. Rubén Arroxo afirmou que “o compromiso desta área cun cemiterio exemplar en todo o estado e incluso a nivel internacional é firme, e seguiremos investindo para o mantemento do propio cemiterio como para a súa conservación como único cemiterio público do estado”.

 A maiores, inclúense 60.000€ para a organización de actividades participativas nos distintos barrios e 20.000 para actividades de dinamización na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, “para continuar a apostar por fomentar o pequeno comercio especialmente despois das perdas ocasionadas pola crise sanitaria”, sentenciou Rubén Arroxo.

Audio

  • O edil Rubén Arroxo, sobre o suplemento 6M | Descargar mp3
  • A edil Paula Alvarellos, sobre a aprobación do suplemento 6M | Descargar mp3

Noticias relacionadas