O Concello de Lugo contrata as obras para a pavimentación de cinco seccións do cemiterio municipal

Mércores, 25 de febreiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá no Concello de Lugo. A Concelleira explicou que nesta xuntanza aprobouse, entre outros asuntos, a contratación das obras de infraestruturas e pavimentación das seccións número 9, 14, 15, 18 e 19 do Cemiterio Municipal de San Froilán. A empresa adxudicataria foi Asogal Construcciones SL por importe total de 231.304 euros.

As obras que se levarán a cabo inclúen os traballos de pavimentación para estradas e rúas así como traballos de construcción e conduccións de auga: canalizacións soterradas para a evacuación das augas pluviais e a execución da rede de auga soterrada para o abastecemento das bocas de rego e fontes.

Con esta obra respóndese as necesidades demandadas polos usuarios, persoal e responsables do cemiterio no referente a pavimentación e recollida de auga de choiva dos canelóns e pasillos para evitar pozas e filtracións de auga nas sepulturas, e facilitar o mantemento e mellora das instalacións.

A Xunta de Goberno aprobou, ademais, oito licenzas de obra así como a constitución da xunta de compensación do polígono 3 do sector número II do Plan de Sectoralización do sector de solo urbanizable non programado “IN-G” do PXOU vixente.

Por outra banda, aprobouse a proposta de declaración de ruína urbanística dos inmobles número 410 da avenida da Coruña e números 3 e 5 da rúa Xenebro por estar nun mal estado de conservación con problemas estructurales. A Xunta de  Goberno, segundo indicou a Concelleira, concedeu aos propietarios tres meses para que presenten o proxecto de demolición e sete días para que tomen as medidas de seguridade pertinentes.

Noticias relacionadas