Ana González Abelleira, Olga López Racamonde e Ángeles Novo representaron ao Goberno Local nos actos na honra do santo, coa procesión polas rúas do centro histórico ata a capela de San Roque.

A Corporación Municipal de Lugo, encabezada pola cuarta tenente de alcalde, Ana González Abelleira, participou esta mañá nos actos conmemorativos da festividade de San Roque. A comitiva, coa Garda de Gala ao fronte, partiu en formación dende a Casa do Concello, a través das rúas do centro histórico ata a Capela de San Roque, onde tivo lugar a celebración da misa na honra deste santo.
Neste percorrido, Ana González Abelleira estivo acompañada polas concelleiras de Cohesión Social, Olga López Racamonde, e pola responsable de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, quen foi ademais a encargada de portar o pendón institucional, que simboliza non só ao Concello, senón tamén o sentido de identidade, a pertenza á comunidade e un dos estandartes que representa á cidade de Lugo.
Como cada 16 de agosto, o Concello cumpriu con esta tradición, que xa forma parte da historia de Lugo, e que se remonta a 1768, ano no que se pediu protección a San Roque, para facer fronte a unha epidemia de peste.




