O Concello de Lugo comezou os traballos para garantir a seguridade do Cuartel de San Fernando ante a pasividade da Xunta

Mércores, 06 de marzo de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde lémbralle ó Conselleiro de Cultura que os convenios son para cumprilos e reclama investimentos para o prometido Centro da Romanización

O Alcalde, José López Orozco, acompañado polos Concelleiros de Urbanismo, Luis Álvarez, e de Infraestruturas, Manuel Chaín, visitou hoxe os traballos que leva a cabo o Concello para preservar a seguridade dos viandantes no contorno do Cuartel de San Fernando.

“Boto de menos a presenza do Conselleiro de Cultura, que é quen debería estar aquí”, declarou o Alcalde ós medios de comunicación e explicou que “xa que eles nin están nin se lles espera, o Concello actúa para dar solución inmediata a un problema de deterioro do edificio que representa un problema de seguridade, por iso pedimos permiso a Cultura e cando nolo deron comezamos esta obra na que se van tirar aquelas partes que sexa preciso tirar e de consolidación das partes que están en mal estado e ofrecen perigo para as persoas”.

López Orozco tamén instou ó Conselleiro de Cultura a cumprir os compromisos adquiridos con Lugo e adicar investimentos a creación do prometido Centro da Romanización. Neste sentido, salientou que “os acordos son para cumprilos”.

“Estes últimos días anda dicindo por Santiago que vai pedir un estudo”, dixo o Alcalde pero “señor Conselleiro, temos firmado un convenio polo que o Concello entregou o Cuartel de San Fernando, a Xunta ten feito un proxecto para o Centro da Romanización, no que fixo un gasto de cartos, así que, señor Conselleiro, poña unha cantidade anual para que teñamos o Centro nacional da Romanización no menor tempo posible e non siga mareando a perdiz”.

O Alcalde e os Concelleiros inspeccionaron os traballos que comezou hoxe a Brigada de Vías e Obras do Concello, nos que colaboraron os Bombeiros, que teñen o obxectivo de retirar todos os elementos do edificio que corren perigo de desplome e representan, polo tanto, un perigo para os cidadáns.

Os traballos, que se prolongarán durante varios días, lévanse a cabo fundamentalmente na traseira do edificio, na rúa Quiroga Ballesteros, e consisten na retirada do tellado da nave adosada ó Cuartel, así como na retirada de cales soltas e na comprobación da seguridade das lousas na rúa San Froilán.

Multimedia

Noticias relacionadas