
O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, participou na presentación da cuarta edición do certame ‘Lucus in Vino Veritas’, que se celebrará este sábado no atrio da Catedral de Lugo, coa asistencia de máis de vinte bodegas de toda a península, cunha maior representación das galegas. O edil sinalou que “o Concello decidiu colaborar con este evento porque xoga un papel dinamizador non só para o sector vitivinícola, senón tamén para o turismo da cidade, a cultura e o sector comercial”.
Durante toda a xornada do sábado haberá concursos, catas de viño e de augardentes, actuacións musicais, showcookings a cargo de chefs lucenses, degustacións e maridaxes. As actividades previstas no programa de actos desenvolveranse no atrio da catedral, un enclave privilexiado que reúne os tres patrimonios da humanidade da cidade, a muralla, a catedral e o Camiño de Santiago, e que supón un incentivo máis para os visitantes que acoden a este evento.


