O alcalde anima á cidadanía a participar nesta tradición ao tempo que pide ás e aos lucenses respectar e cumprir coa normativa, que foi publicada nun bando municipal.
Colectivos e particulares poderán presentar a correspondente instancia ata as 13.00 horas do día 23 para organizar o lume novo na noite de San Xoán.
O ano pasado houbo preto de 400 solicitudes mentres que no 2023 se tramitaron 387 peticións para todo o municipio de Lugo, agás no centro histórico, onde están prohibidas.

O Concello de Lugo abriu esta fin de semana o prazo de presentación de solicitudes para organizar as tradicionais fogueiras de San Xoán, polo que os colectivos e particulares interesados poderán presentar a instancia correspondente ata as 13.00 horas do vindeiro día 23, nas dependencias da Policía Local. O alcalde, Miguel Fernández, animou á cidadanía a participar nesta tradición, ao tempo que pediu ás e aos lucenses respectar e cumprir a normativa, publicada no bando municipal, a fin de garantir a seguridade das e dos participantes nestes actos e o seu correcto desenvolvemento”.
No bando emitido polo alcalde de Lugo establécense as normas que deben rexer as fogueiras de San Xoán, que nos últimos anos gañaron en popularidade e participación como o proban as 387 solicitudes rexistradas no ano 2023, e as preto de 400 presentadas o pasado ano. Entre as normas incluídas no citado bando, queda prohibido queimar rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos, ao igual que se establece a prohibición do lanzamento de foguetes.
Ademais, o bando emitido polo alcalde determina que as fogueiras non poderán facerse en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou xardíns nin naqueles nos que poidan crearse situacións de perigo, así coma no centro histórico.
O edicto tamén recolle que os responsables e os organizadores de cada fogueira deberán retirar do lugar de celebración tódolos restos que queden unha vez rematada a queima. Por último, o edicto tamén recolle que, no caso de incumprimento dalgún dos termos recollidos no bando ou de queixas fundamentadas da veciñanza, o Servizo de Extinción de Incendios, a requirimento da Policía Local, procederá a apagar o lume de inmediato.

