Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo abre o prazo de solicitudes para as fogueiras de San Xoán, que poderán presentarse na Policía Local ata o día 23

O Concello de Lugo abre o prazo de solicitudes para as fogueiras de San Xoán, que poderán presentarse na Policía Local ata o día 23

O alcalde anima á cidadanía a participar nesta tradición ao tempo que pide ás e aos lucenses respectar e cumprir coa normativa, que foi publicada nun bando municipal.

Colectivos e particulares poderán presentar a correspondente instancia ata as 13.00 horas do día 23 para organizar o lume novo na noite de San Xoán.

O ano pasado houbo preto de 400 solicitudes mentres que no 2023 se tramitaron 387 peticións para todo o municipio de Lugo, agás no centro histórico, onde están prohibidas.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Cultura e Turismo,
    • Protección do medio rural,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade
Luns, 16 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo abre o prazo de solicitudes para as fogueiras de San Xoán, que poderán presentarse na Policía Local ata o día 23

O Concello de Lugo abriu esta fin de semana o prazo de presentación de solicitudes para organizar as tradicionais fogueiras de San Xoán, polo que os colectivos e particulares interesados poderán presentar a instancia correspondente ata as 13.00 horas do vindeiro día 23, nas dependencias da Policía Local. O alcalde, Miguel Fernández, animou á cidadanía a participar nesta tradición, ao tempo que pediu ás e aos lucenses respectar e cumprir a normativa, publicada no bando municipal, a fin de garantir a seguridade das e dos participantes nestes actos e o seu correcto desenvolvemento”.

No bando emitido polo alcalde de Lugo establécense as normas que deben rexer as fogueiras de San Xoán, que nos últimos anos gañaron en popularidade e participación como o proban as 387 solicitudes rexistradas no ano 2023, e as preto de 400 presentadas o pasado ano. Entre as normas incluídas no citado bando, queda prohibido queimar rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos, ao igual que se establece a prohibición do lanzamento de foguetes.

Ademais, o bando emitido polo alcalde determina que as fogueiras non poderán facerse en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou xardíns nin naqueles nos que poidan crearse situacións de perigo, así coma no centro histórico.

O edicto tamén recolle que os responsables e os organizadores de cada fogueira deberán retirar do lugar de celebración tódolos restos que queden unha vez rematada a queima. Por último, o edicto tamén recolle que, no caso de incumprimento dalgún dos termos recollidos no bando ou de queixas fundamentadas da veciñanza, o Servizo de Extinción de Incendios, a requirimento da Policía Local, procederá a apagar o lume de inmediato.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-abre-o-prazo-de-solicitudes-para-fogueiras-de-san-xoan-que-poderan