O Concello de Lugo aborda con recoñecidos expertos ás repostas da atención sociosanitaria ás persoas maiores tras a pandemia

A concellería de Benestar celebra estas segundas xornadas de traballo os días 1 e 2 de outubro, coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores

Para participar é preciso inscribirse, de xeito gratuíto, no mail benestar@lugo.gal.

A 30 de abril de 2020 figuraban empadroadas un total de 99.396 persoas, das cales 21.832 tiñan máis de 65 anos, o que supón o 21,97% da poboación total do municipio

Venres, 24 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 O Concello de Lugo aborda con recoñecidos expertos ás repostas da atención sociosanitaria ás persoas maiores tras a pandemia

O executivo de Lara Méndez abre un foro de debate sobre a situación das persoas de maior idade de Lugo tras a pandemia e sobre como debería abordarse a súa atención desde distintas disciplinas tendo en conta os trastornos causados neste tempo. Este foro serán as “II Xornadas de Traballo na Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores’, que organiza a concelleira de Benestar e que hoxe presentou a edil responsable, Olga López Racamonde, acompañada de José Ramón Martínez, médico adxunto do servizo de Xeriatría do Hospital Universitario Lucus Augusti e Pilar Rodríguez, xefa de servizos sociais do Concello de Lugo.

O encontro, sostivo a concelleira, “ten como obxectivo mellorar a coordinación dos recursos das diferentes administracións para efectivizar as prestacións e servizos públicos así como dar visibilidade a unha realidade que afecta no día a día aos nosos maiores tanto no ámbito sanitario como no familiar”.

A segunda edición destas xornadas celebrarase os días 1 e 2 de outubro, no Auditorio do Vello Cárcere, coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores (1 de outubro). A edil lembrou que este foro, pioneiro no Concello, encheu o pasado ano as mesmas instalacións, obrigando a habilitar no patio destas instalacións unha pantalla para seguir as conferencias e mesas redondas que conformaban a programación.

Esta edición contará con recoñecidos expertos, como os presidentes das Sociedades Galega e Española de Xerontoloxía e Xeriatría, así como dun médico especialista en xeriatría, coordinador do programa ‘Memoria e Demencias’ do Concello de Malága, Director do Centro Municipal de Envellecemento Saudable e Presidente da Sociedade Andaluza de Xeriatría e Xerontoloxía, José Manuel Marín Carmona.

A Covid-19 deixou dramáticas consecuencias para este colectivo e a atención aos maiores e a cidadanía máis vulnerable foi unha das primeiras áreas que se reforzou dende o Goberno ao inicio da pandemia, explicaba Olga López. “O esforzo humano e a mobilización de recursos municipais foi e segue a ser moi intensa para a atención ás persoas máis vulnerables e por suposto, os nosos maiores e dependentes son unha das prioridades” apuntaba.

Segundo os datos do padrón municipal de habitantes do Concello de Lugo, figuraban empadroadas un total de 99.396 persoas, das cales 21.832 tiñan máis de 65 anos, o que supón o 21,97% da poboación total do municipio. Lugo é unha cidade que coida, especialmente aos máis débiles e para este colectivo o executivo de Lara Méndez puxo en marcha diferentes programas adaptados a etapa Covid-19: , por exemplo o programa ‘Acompañámoste’, a través do cal se contactou vía telefónica para dar resposta a necesidades físicas ou afectivas, ‘Lugo móvese cos maiores’, co obxectivo de incentivar a mobilidade dos maiores de 65 anos co fin de que gozaran dun ocio saudable e combater ademais a soidade non desexada, entre outros. Datos que hoxe recordaba a concelleira, ao tempo que salientaba o feito que “de todas esas persoas, ao redor de 5.000 viven soas”.

José Ramón Martínez, agradeceu a implicación do concello por dar continuidade a estas xornadas xa que “todos mais tarde ou mais temprano pasaremos dos 65 anos e con estas xornadas analizaremos da man de expertos os retos e as diferentes circunstancias que rodean hoxe en día e que rodearán en anos vindeiros, ás persoas maiores” apuntaba.

As persoas que estean interesadas en asistir a estas xornadas deberán apuntarse, de xeito gratuíto, e até o próximo día 29 de setembro, a través do mail benestar@lugo.gal.

II Xornadas de traballo: Atención sociosanitaria ás persoas maiores no Concello de Lugo:

Organizaranse en torno a seis mesas de traballo para abordar, entre outros aspectos, a atención á soidade, os transtornos neurolóxicos, os coidados extrahospitalarios ou a dependencia, ca participación de representantes non só de entidades para as que a atención aos maiores forma parte do seu quefacer cotiá como é o caso de Cruz Vermella, Adace, Aspalu ou Afalu senón tamén de profesionais dos servizos de Xantar no Fogar, os centros de día, traballadores sociais e mesmo persoal sanitario e médico de diferentes áreas así como xornalistas de medios de comunicación local que achegarán o seu punto de vista.

O venres as xornadas arrincarán ás 09:00 horas e desenvolveranse ao longo da mañá e da tarde. A quenda da mañá estará protagonizada por colectivos sociais do municipio: Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer, Asociación de dano cerebral sobrevido/adquirido de Lugo, Cruz Roja, Asociación Lucense de Esclerose Múltiple, ALCER, FADEMGA e a FFVV, e a de tarde, será completamente sanitaria, onde participarán distintos médicos e médicas especialistas dos diversos servizos do Hospital Universitario Lucus Augusti (xeriatría, cardioloxía, psiquiatría, enfermidades infecciosas, urxencias, uci, ...)

O sábado as xornadas terán lugar ao longo da mañá e concentrarán as intervencións dende o punto de vista do traballo social e da enfermería, así como de diversos colexios profesionais.

Audios

  • A concelleira de Benestar, Olga López, sobre as Xornadas de Atención Sociosanitaria | Descargar mp3
  • O médico adxunto do servizo de Xeriatría do Hospital Universitario Lucus Augusti, Jose Ramon Martínez, sobre as Xornadas de Atención Sociosanitaria | Descargar mp3

Noticias relacionadas