O Concello consigue 644.000 euros de Europa para favorecer a inserción laboral de 150 mozos e mozas

O manexo de drons será unhas das 10 accións formativas que se impartirán neste novo plan de emprego, Empregalia, que oferta itinerarios en eidos con gran potencial de crecemento, como as novas tecnoloxías, turismo e lecer, e saúde e benestar, para garantir as máximas cotas de integración no mercado laboral

O programa é froito da “planificación e traballo exhaustivo” que leva a cabo o Goberno co fin de atraer novos investimentos para crear emprego e demostra “a eficacia na consecución de fondos de Europa, con máis de 22M€ en dous anos”

A selección dos participantes terá lugar en outono para arrancar a execución do plan entre finais de ano e principios do que vén. As accións rematarán en decembro do 2018

Xoves, 20 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello consigue 644.000 euros de Europa para favorecer a inserción laboral de 150 mozos e mozas

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou este xoves que o Concello conseguiu máis de 644.000 euros da Unión Europea para favorecer a través da formación a inserción laboral de 150 mozos e mozas menores de 30 anos de idade, inscritos no programa de Garantía Xuvenil. Este novo plan de emprego que o Goberno local levará a cabo, denominado Empregalia, subliñou a edil, é froito “do traballo que levamos a cabo día a día para atraer novos investimentos que dinamicen o mercado laboral e axuden aos 6.798 lucenses que están no paro a encontrar un posto de traballo, aínda non tendo as competencias neste eido, pois corresponden á Xunta e ao Estado”. Deste xeito, “en dous anos de mandato desenvolvemos cinco proxectos por importe de 2,5 millóns de euros neste eido”.

Así mesmo, asegurou Prieto, esta nova captación de fondos europeos demostra que neste Goberno “temos un modelo de cidade claro: un modelo que ten como centro de acción as persoas. Unha cidade máis accesible, cómoda, humana, e tamén máis social, na que ninguén se quede atrás”. “Demostra tamén a eficacia na consecución de fondos de Europa, pois acadamos xa máis de 22 millóns de euros en dous anos de mandato, entre eles, os programas estrela do FEDER –o EDUSI e o Smart City- e do Fondo Social Europeo. Todo isto é froito cunha planificación previa e un traballo exhaustivo”.

Segundo informou a Concelleira de Economía, o Ministerio da Presidencia e para as Administracións Territoriais publicou hoxe mesmo no Boletín Oficial do Estado (BOE) a resolución das axudas á inserción laboral, que foron convocadas en febreiro deste ano polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e ás que o Concello de Lugo concorreu cunha candidatura denominada Empregalia.

Orzamento

O Ministerio concedeu a totalidade da axuda solicitada pola entidade local: 644.594,66 euros, dos que a gran maioría, un 91,8%, serán achegados polo propio Fondo Social Europeo, isto é, 592.318 euros, mentres que o Concello asumirá o 8,2%: 52.276 euros.

A proposta do Goberno lucense, aceptada na súa totalidade polo Fondo Social Europeo e polo Ministerio, “ten como obxectivo fundamental proporcionar aos mozos e mozas de Lugo os coñecementos, destrezas e instrumentos que melloren a súa empregabilidade e lles faciliten o acceso ao mercado laboral ou o desenvolvemento de proxectos de emprendemento, todo elo, a través dun conxunto de accións de información, orientación, formación e fomento do emprego”, explicou Ana Prieto.

Co fin de garantir as máximas cotas de inserción no mercado de traballo dos 150 xóvenes participantes, engadiu, “dende o Concello elaboramos un proxecto con itinerarios formativos nos sectores con maiores perspectivas de crecemento económico e de emprego no municipio, como son a tecnoloxía, turismo e lecer, e saúde e benestar. Así mesmo, para a elaboración da proposta e a elección das accións formativas contamos con asociacións de persoas discapacitadas e organizacións sen ánimo de lucro, pois se persegue tamén que as persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego teñan a oportunidade de formarse e mellorar a empregabilidade”.

Accións formativas

Deste xeito, o plan de inserción laboral ofrecerá  10 accións formativas. Son as seguintes:

  • Aplicación e manexo de sistemas aéreos non tripulados: RPAs ou drons. Con este curso, o alumnado terá acceso ao exame para a obtención dos certificados básico e avanzado oficiais de Piloto de RPAs, expedidos pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea.
  • Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos
  • Confección e publicación de páxinas web
  • Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería
  • Socorrismo en espazos acuáticos naturais
  • Socorrismo en instalacións acuáticas
  • Operacións básicas de cociña
  • Operacións básicas de cátering
  • Técnicos/as en transporte sanitario
  • Dinamización de actividades de tempo libre, educativo, infantil e xuvenil

Todas estas accións formativas teñen unha parte teórico práctica e unha parte práctica en empresas do sector do que se trate.

Xunto á formación específica de cada especialidade, os participantes recibirán formación adicional de carácter xeral en informática, inglés básico, habilidades sociais e fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Durante todo o proceso, as persoas participantes recibirán acompañamento personalizado a través de titorías individualizadas, orientación e intermediación laboral e axuda na busca activa de emprego.

Os prazos

Unha vez publicada hoxe no BOE a resolución da axuda, co fin de axilizar os prazos, Ana Prieto explicou que a Xunta de Goberno aprobará xa a vindeira semana a aceptación da achega económica para poder comezar coa selección dos participantes en outono e arrancar a execución do plan de emprego entre finais deste ano e principios do que vén. As accións deben estar rematadas en decembro do 2018.

Audio

  • A Concelleira anunciando os fondos para a inserción laboral de 150 mozos e mozas menores de 30 anos de idade | Descargar mp3

Noticias relacionadas