Manuel Núñez supervisou este xoves as actuacións, que contan cun orzamento de máis de 5.000 euros

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou este xoves as obras que está acometer o Concello co fin de arranxar o rexistro do colector de saneamento da rúa da Rocha, á altura de Ponte Romai, ante o grado de deterioro da propia tapa de rexistro e os danos ocasionados no seu entorno polo levantamento da mesma.
Os traballos, que contan cun orzamento de máis de 5.000 euros e evitarán novas fugas, consisten no formigonado do cerco da tapa do rexistro, na súa colocación e anclaxe ao pozo mediante barras de aceiro e a posterior reposición do pavimento, “unha intervención coa que ademais de garantir as boas condicións dun servizo público como é o saneamento, contribuímos a un menor impacto visual na zona”, subliñou Núñez, quen destacou a importancia desta obra para dar resposta ás peticións dos veciños. As obras, que comezaron esta semana, estarán rematadas ao longo deste mes, en canto melloren as condicións meteorolóxicas para repoñer o pavimento.
“Enmárcase ademais na decidida aposta e no firme compromiso que ten este Concello por mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas independentemente de onde residan”, asegurou o edil, quen anunciou que “este Goberno continuará apostando por actuacións coma esta que, aínda pequenas, teñen unha gran repercusión no día a día dos cidadáns”.
Deste xeito, esta nova medida súmase a outras melloras que está a acometer o Concello en diferentes puntos da cidade nos últimos días, como o acondicionamento da zona infantil de Catasol, a instalación de bancos no barrio do Sagrado Corazón ou diversas actuacións para mellorar a accesibilidade na cidade.
Audio
- Manuel Núñez, sobre o arranxo do colector de saneamento da rúa da Rocha | Descargar mp3