O Concello aposta pola produción ecolóxica, que moveu máis de 31 millóns o pasado ano en Galicia, coa quinta edición de Ecolugo

A Alcaldesa e o presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia presentaron a nova edición da Feira Ecolóxica de Lugo, que acollerá a Praza Maior mañá e pasado, de 10:00 a 14:30 horas

A entidade local colabora na celebración deste certame, no que participarán 9 expositores que ofrecerán unha gran diversidade de produtos procedentes das provincias de Lugo, A Coruña e Ourense

Xoves, 20 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa, Lara Méndez, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), José Antonio Fernández, presentaron este xoves a V Feira Ecolóxica de Lugo, que acollerá a Praza Maior mañá e pasado, 21 e 22 de agosto. O Concello colabora un ano máis con CRAEGA na celebración de Ecolugo, posto que se enmarca na aposta da entidade local por potenciar a comercialización dos produtos ecolóxicos autóctonos de calidade.
“A produción ecolóxica supón unha oportunidade económica para o Concello, tendo en conta a súa evolución nos últimos anos”, subliñou a rexedora. De feito, a provincia de Lugo, xunto coa de Ourense, son as que máis superficie dedican a este tipo de produción en Galicia, que no pasado 2014 rexistrou un aumento dun 20% en volume de ventas certificadas en toda Galicia, acadando un volume de negocio de máis de 31 millóns de euros.
Consciente da capacidade deste sector como nicho de emprego, para xerar riqueza e para fixar poboación no rural, o Concello, a través de iniciativas deste tipo, favorece o desenvolvemento da produción ecolóxica, potencia este ramo da produción como alternativa rendible e dinamiza a comercialización destes produtos. “Respaldar este certame significa apostar polo noso, polos nosos produtos autóctonos, pola nosa cultura gastronómica e pola nosa tradición”, manifestou Méndez.
Pola súa banda, Fernández agradeceu a colaboración do Concello para celebrar esta cita “que co paso do tempo se vai a consolidar”. O presidente de CRAEGA aproveitou tamén para invitar a todos os interesados a achegarse os vindeiros dous días á Praza Maior e a consumir produtos ecolóxicos.

9 expositores e multitude de produtos

Na V Feira Ecolóxica de Lugo participarán 9 expositores que ofrecerán unha gran diversidade de produtos procedentes da agricultura ecolóxica da provincia de Lugo, A Coruña e Ourense; dende grelos deshidratados, a herbas aromáticas, pasando por marmeladas, setas, queixos, iogures, algas e froitos secos. Nesta cita haberá tamén degustacións de produtos bio así como catas comentadas. Os postos estarán instalados ambos os dous días en horario continuado de 10:00 a 14:00 horas.

Audio

  • Declaracións da Alcaldesa de Lugo sobre a nova edición da Feira Ecolóxica de Lugo | Descargar mp3

Multimedia

Noticias relacionadas