O Concello abre unha caixa de correo de "Mulleres con Forza" para recoller propostas cidadás sobre o pensamento feminista

A campaña de sensibilización e concienciación quere poñer en valor a aquelas mulleres que loitan e loitaron pola igualdade na historia e invitar a reflexión dos e das lucenses

A iniciativa, apoiada pola Deputación, está aberta a toda a cidadanía, colectivos e persoas a título individual, especialmente do ámbito educativo

A acción reforza a marca Mulleres con forza, impulsada polo Concello e que sitúa a Lugo como único municipio de España que se identifica como feminista na súa marca cidade

Luns, 18 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello abre unha caixa de correo de "Mulleres con Forza" para recoller propostas cidadás sobre o pensamento feminista

O Concello de Lugo, en colaboración coa Deputación, pon en marcha unha campaña-concurso de sensibilización e concienciación en igualdade destinada especialmente á mocidade, a través dos colexios, institutos e o ámbito universitario, pero aberta a toda a cidadanía, aos distintos colectivos e tamén ás persoas a título individual, co fin de recoñecer referentes femininas, así como de coñecer propostas e ideas sobre o pensamento feminista da poboación.

A Concelleira de Igualdade, Ana González Abelleira, e a deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, presentaron hoxe esta campaña, que recollerá nunha caixa de correos de Mulleres con Forza todas as propostas que se presenten cunha frase inspiradora dunha muller e cunha reflexión sobre a mesma. Para iso, deseñáronse unhas postais para a campaña, que se enviarán aos centros educativos, poderanse recoller no concello e tamén baixar desde a web municipal www.lugo.gal para cubrir os apartados descritos. Ademais de botalas na caixa de correos, que se instalará na Praza Maior ata Semana Santa (logo pasará á Casa da Muller), tamén se poderán enviar directamente ao correo electrónico de cmuller@concellodelugo.org

Ana González Abelleira sostivo que o fin desta iniciativa é “pór en valor as mulleres que loitaron pola igualdade e incentivar a reflexión sobre o pensamento feminista, sobre as ideas nas que o feminismo se presenta como un movemento transformador da sociedade, para cuestionar e cuestionarnos, para preguntarnos por que as cousas son de certas formas e como poderían ser distintas para as mulleres e, polo tanto, para toda a sociedade”.

Pola súa banda, Sonsoles López destacou o total apoio da Deputación a este tipo de accións, e sinalou a forte participación dos e das lucenses en todas as actividades que se están a pór en marcha no eido da loita pola igualdade, “e seguro que tamén se conseguirá nesta iniciativa”.

A campaña enmárcase na serie de accións que puxeron en marcha Concello e Deputación para sensibilizar acerca de todo o traballo que aínda queda por facer para acadar a igualdade entre homes e mulleres e para reforzar a marca cidade Mulleres con Forza, “da que nos debemos sentir orgullosos todos os e as lucenses xa que somos a única cidade de España que contamos cunha marca de cidade que nos identifica como Lugo Feminista e como Lugo que defende que non só non se deben dar pasos atrás nos dereitos adquiridos, senón que hai que seguir avanzando”, sostivo Ana González. “Vivimos en tempos nos que todos os días nos atopamos con propostas involucionistas e por iso non debemos baixar á garda”, enfatizou.

Entre todas as postais que se remitan entregaranse, por sorteo, 10 premios na categoría individual e 5 na categoría colectiva  (centros de Educación Primaria, Secundaria, Universidades e FP; e asociacións ou entidades sen ánimo de lucro e outras colectividades).

O sorteo, de carácter público, será realizado nas instalacións da Casa da Muller o día 26 de abril, ás 12.00 horas.

Se a calidade das propostas o permite, as tarxetas/postais que se reciban serán expostas tras a comunicación ás/aos participantes e coa publicidade oportuna nalgún dos espazos públicos do Concello de Lugo.

Audio

  • A edil Ana González Abelleira, sobre a campaña "Mulleres con Forza" | Descargar mp3
  • A deputada provincial Sonsoles L. Izquierdo, sobre a campaña "Mulleres con Forza" | Descargar mp3

Máis info

Multimedia

  • O Concello abre unha caixa de correo de "Mulleres con Forza" para recoller propostas cidadás sobre o pensamento feminista
  • O Concello abre unha caixa de correo de "Mulleres con Forza" para recoller propostas cidadás sobre o pensamento feminista

Noticias relacionadas