O Concello abre o proceso de adxudicación da formación do proxecto Lugo, Emprego Activo

Mércores, 23 de decembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou esta mañá a apertura do proceso de adxudicación dos lotes de formación para o proxecto Lugo, Emprego Activo segunda fase.

Segundo indicou o Voceiro do Equipo de Goberno, José Rábade, as bases recollen a docencia especializada en:
- axentes de desenvolvemento da comunidade con discapacidade,
- técnico/a de sistemas de enerxías renovables,
- mantemento de aire acondicionado e fluídos,
- operador de estacións depuradoras de augas residuais,
- operario/a de redes e centros de distribución de enerxía eléctrica,
- técnico/a en recuperación de espazos degradados.

O orzamento total para esta adxudicación é de 192.500 euros, 55 euros á hora. Os gastos que se produzan derivados deste contrato contan cun financiamento do 80% da UE a través do Fondo Social Europeo.

Este programa desenvolvido polo Concello de Lugo ten como obxectivo fundamental a inserción laboral daquelas persoas que se atopan en condicións de especial dificultade para acceder a un emprego. Diríxese a aqueles colectivos que contan con maiores dificultades como poden ser as minorías étnicas ou as persoas con discapacidade, entre outras.

Nesta nova fase, que terá unha duración de 36 meses, participarán 150 alumnos e alumnas que recibirán formación teórica e práctica en empresas. A oferta formativa presenta 10 cursos destinados a 15 alumnos por curso.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén 5 licenzas de obra, concedeu unha licenza de actividade e denegou outra.

Ademais, ampliou o contrato de mantemento das aplicacións do sistema integral de xestión municipal polo prazo dun ano coa entidade T-Systems ITC Iberica, SA. polo importe de 45.088 euros. Tamén se adxudicou o servizo para o mantemento diario dos contidos do portal municipal á empresa Pexego Sistemas informáticos, SL por 1.914 euros.

Multimedia

Noticias relacionadas