O Concello abre o prazo para solicitar materiais do Banco de Instrumentos da Escola Municipal de Música

Manuel Núñez e Carlos Méndez informaron de que este Banco, un dos poucos asociados a unha Escola de Música que se pon en marcha en Galicia, ofertará 28 instrumentos

As solicitudes para estes fondos iniciais, valorados en máis de 11.500 euros, poden entregarse dende hoxe e ata o 4 de decembro, no Rexistro Xeral do Concello

Luns, 20 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello abre o prazo para solicitar materiais do Banco de Instrumentos da Escola Municipal de Música

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e o director da Escola Municipal de Música de Lugo, Carlos Méndez, informaron este luns, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, da apertura do prazo para solicitar materiais do Banco de Instrumentos na Escola Municipal de Música por parte das familias e alumnado do centro. Estes fondos iniciais, valorados en máis de 11.500 euros, son trombóns, trompetas, trompas, saxos, frautas, un fagot, bombardinos, unha tuba, unha gaita, pitos, packs de percusión e clarinetes.

Manuel Núñez explicou que “os fondos van dirixidos en especial ao alumnado de familias con maiores necesidades económicas, para as que a adquisición dun instrumento pode ser un impedimento para a aprendizaxe e facilitarlles a posibilidade de tocar o instrumento que a eles máis lle guste”.

Pola súa banda, Carlos Méndez, incidiu en que “o Banco, un dos poucos asociados a unha Escola de Música que se pon en marcha en Galicia, ofertará 28 instrumentos, que se irán ampliando paulatinamente e que serán entregados aos alumnos en base á renda familiar, aceptando tamén doazóns de persoas particulares, empresas, entidades públicas ou calquera outro ente ou colectivo”.

Terán prioridade as familias con menos recursos, polo que se solicitará información relativa á situación económica familiar, que se procederá a valorar para establecer unha puntuación –en función duns baremos establecidos en función do IPREM - Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples-), que servirá para definir a preferencia da adxudicación do instrumental. No caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

Os requisitos básicos para acceder ao préstamo dun instrumento son estar empadroado en Lugo, ser alumno da Escola Municipal de Música e non ter más de cinco faltas na materia matriculada, presentar o modelo de solicitude para o Banco de Instrumentos debidamente cuberto por Rexistro, adxuntar a documentación requirida na solicitude e non ter débedas co Concello.

As solicitudes poderán entregarse dende hoxe e ata o 4 de decembro, ambos os dous incluídos, no Rexistro Xeral do Concello, tal e como establecen as bases publicadas no BOP de Lugo o día 15 de novembro de 2017, mesmo poderán ser varios no mesmo curso, para adxudicar o préstamo, que será por un curso académico –dos meses de outubro a xuño-, aínda que poderá renovarse en cada exercicio lectivo.

Con esta iniciativa, o Goberno segue a potenciar a Escola Municipal de Música, que cada ano conta cunha maior demanda. De feito, neste curso ten 900 alumnos, 200 máis que o pasado.

Audio

  • Manuel Núñez, sobre o Banco de Instrumentos da Escola Municipal de Música | Descargar mp3

Noticias relacionadas