O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas supervisa as obras de pavimentación de parte do Carril dos Fornos

Xoves, 15 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas supervisa as obras de pavimentación de parte do Carril dos Fornos

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou a execución das obras de pavimentación dunha parte do Carril dos Fornos, no barrio da Tinería, que estaba en terra. Estes traballos, xa rematados, forman parte do proxecto co que o Concello tamén mellorou a mobilidade na beirarrúa da Ronda da Muralla substituíndo o adoquinado por lousas de granito no tramo entre Montero Ríos e a Porta da Estación.

A zona do Carril dos Fornos pavimentada sitúase en fronte a unhas vivendas, en concreto é a que se atopa fóra da delimitación das unidades de actuación urbanística UI-6 e UI-7, pois neste caso serán urbanizadas cando estas se desenvolvan.

As obras nesta parte da Tinería e na beirarrúa da Ronda da Muralla, executadas pola empresa Xestión Ambiental de Contratas, tiveron un orzamento conxunto de 46.800€, con cargo aos fondos da Área de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU) do casco histórico destinados a melloras de espazos públicos. O Concello achegou o 70% do investimento (33.200€) e o Ministerio de Fomento, o 30% (13.600€).

Noticias relacionadas