O Ciclo Amal en Ruta 2016 achega a Lugo o mellor cinema euroárabe da actualidade

Ana González Abelleira, Carmen Basadre e Ghaleb Jaber presentaron este ciclo, que se desenvolverá todos os xoves do 13 de outubro ao 10 de novembro no MIHL ás 20:00 horas

Luns, 10 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Ciclo Amal en Ruta 2016 achega a Lugo o mellor cinema euroárabe da actualidade

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o director do Festival de Cinema Euroárabe, Ghaleb Jaber, presentaron este luns no Salón de Plenos o Ciclo Amal en Ruta 2016, co que colabora o Concello.

Ana González Abelleira animou á cidadanía a asistir a “este ciclo de cinema, organizado entre a entidade local e a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, onde poderán ver cinco películas”. Proxectaranse dous documentais e tres longametraxes de ficción, todos eles subtitulados en castelán, todos os xoves do 13 de outubro ao 10 de novembro, no Museo Interactivo da Historia de Lugo, ás 20:00 horas.

Pola súa banda, Carmen Basadre agradeceu á Fundación Araguaney-Ponte de Culturas “por traer este interesante ciclo de cinema a Lugo, xa que cada vez máis a nosa cidade é máis multicultural e é moi importante que a cidadanía coñeza o que está pasando en todas as partes do mundo”.

Finalmente, Ghaleb Jaber explicou que “o Festival de Cinema Amal, que significa esperanza en árabe, naceu en 2002 co obxecto de traer a Galicia o mellor cinema árabe e este ciclo supón un percorrido polo mellor cinema árabe da actualidade”.

Dende os seus inicios, un dos principais propósitos de Amal foi organizar pequenos ciclos de cinema en multitude de lugares dentro e fóra de Galicia, como en Sevilla, Madrid, Barcelona, Córdoba ou mesmo Arxentina, cunha moi boa acollida polo público.

Proxeccións de películas
O Ciclo Amal en Ruta 2016 achegará á cidade de Lugo as seguintes películas:

13 de outubro
Los caballos de Dios. Longametraxe documental. Nabil Ayouch, ano 2012,  Bélxica, Francia e Marrocos, 113 minutos.

20 de outubro
Villa Touma. Longametraxe de ficción. Suha Arraf, Palestina, ano 2014, 84 minutos.

27 de outubro
Theeb. Longametraxe de ficción. Naji Abu Notar, Xordania, Reino Unido, Estados Unidos, Qatar, ano 2014, 90 minutos.

3 de novembro
Atlantic. Longametraxe de ficción. Jan-Willen van Ewijk, ano 2014, Luxemburgo, Bélxica, Marrocos, Holanda e Alemaña, 94 minutos.

10 de novembro
Silvered water, Syria self-portrait. Longametraxe documental. Ossama Mohammed e Wiam Simav Bedirxan, ano 2014, Francia e Siria, 92 minutos. Este documental non é recomendado para menores de 18 anos, xa que contén imaxes que poden danar a sensibilidade dos espectadores.

Documento

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre o ciclo Amal en Ruta 2016 | Descargar mp3

Noticias relacionadas