O Caudal Fest 2023 bate o récord de abonos vendidos, agardando a máis de 33.000 asistentes na súa edición máis multitudinaria

Lara Méndez, acompañada de Iván Méndez e Esteban Girón, deu conta dos últimos avances na organización da cita que terá lugar o 15 e 16 de setembro na contorna fluvial do Miño.

Unha das novidades desta edición será o regreso da zona de descanso, que contará con máis de 1.000 prazas e que, actualmente, xa está cuberta ao 70% da súa capacidade.

O artista urbano portugúes, Chico da Tina, completa o cartel do festival, encabezado por grupos de talla nacional e internacional como Vetusta Morla, Leiva ou Miss Cafeina.

Haberá dous escenarios con música ‘non stop’ dende as 17:00 ata as 03:00 horas.

Luns, 04 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Caudal Fest 2023 bate o récord de abonos vendidos, agardando a máis de 33.000 asistentes na súa edición máis multitudinaria

O 2023 marcará un novo fito de público na historia do Caudal Fest, a cita musical posta en marcha pola rexedora, Lara Méndez, no 2018 para situar a Lugo no mapa dos festivais nacionais e internacionais. “Será a edición máis multitudinaria ata a data, pois xa se acadou unha cifra récord de venda de abonos, agardando a máis de 33.000 asistentes durante os dous días de concertos”, explicou a alcaldesa este luns.

Lara Méndez, acompañada do director do festival, Iván Méndez, e de Esteban Girón, director de comunicación, deu conta dos últimos avances na organización deste evento, #AÚltimaGranFestaDoVerán, que terá lugar na contorna fluvial do río Miño a fin de semana do 15 e 16 de setembro. A rexedora informou que “xa se está a traballar, dende a semana pasada, na instalación do recinto, que será o máis grande ata a data, coa montaxe do escenario principal, e os labores avanzan a bo ritmo”.

Unha das novidades desta edición será o regreso da zona de descanso, que xa estivo operativa en 2018 e 2019 e que contará con máis de 1.000 prazas dispoñibles nunha contorna natural inmellorable. “Actualmente xa está cuberta ao 70% da súa capacidade”, detallou a alcaldesa, quen engadiu que “esta zona contará con vixiancia, recepción e punto de información 24 horas; seguridade privada; servizos e duchas de auga quente”.

Méndez destacou o impacto económico do Caudal no municipio e nas súas inmediacións pois “os establecementos hoteleiros lucenses levan semanas completos, repercutindo moi positivamente tamén en localidades colindantes”. Neste senso, lembrou que ano pasado xa congregou a uns 30.000 asistentes, acadando un impacto económico de 4,5 millóns de euros e xerando ao redor de 300 postos de traballo directos e preto de 1.800 indirectos.

Así mesmo, destacou que “un 40% dos asistentes chegaron de fóra de Lugo –un 30% do resto de Galicia e un 10% do resto de España– o que implica que o Caudal Fest, a día de hoxe, é unha alternativa máis para vir á nosa cidade, dando resposta a unha demanda músico-cultural que os lucenses viñan manifestando desde hai tempo”.

Chico da Tina, a guinda do cartel

Por outra banda, Iván Méndez anunciou a última incorporación que pechará o cartel. Trátase do artista portugués Chico da Tina (diminutivo de Francisco da Concertina), quen se sumará a esta edición do Caudal Fest, no marco da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. “O artista, natural de Viana do Castelo, combina o trap urbano co dialecto da cidade na que naceu”, explicou o director do festival.

Con números impresionantes en Youtube, o músico xa ten un EP editado con 5 temas cheos de letras críticas e caricaturescas que, xunto coa súa imaxe, crean unha combinación inédita entre trap, concertina e xerga rexional, unindo tradición e modernidade. Trátase dun éxito de internet que en apenas uns meses alcanzou máis dun millón de visualizacións do seu primeiro tema Põe-te fino.

O Caudal Fest 2023 contará cun total de 20 bandas e artistas entre os que destacan grupos de ámbito nacional e internacional como Vetusta Morla, Leiva, Dani Fernández, Miss Cafeina, La La Love You, Natalia Lacunza, Belén Aguilera ou Sidonie.

“Queremos que o Caudal, ademais dun evento que ofreza música de calidade e un revulsivo económico para a cidade os días da súa celebración, sexa unha plataforma de visibilidade para os músicos lucenses, por iso, tamén actuarán dúas formacións locais: Berta Franklin e Galician Army”, lembrou a rexedora.

Finalmente, Esteban Girón subliñou que “haberá dous escenarios e música ‘non stop’ dende as cinco da tarde ata as tres da madrugada”. “Queremos ofrecer unha experiencia única aos asistentes e, por iso, ademáis da amplia variedade de concertos, tamén contaremos con unha oferta gastronómica para todos os gustos e adaptada, con opcións veganas, para celíacos, etc”, concluíu.

Audios

 

Multimedia

  • O Caudal Fest 2023 bate o récord de abonos vendidos, agardando a máis de 33.000 asistentes na súa edición máis multitudinaria

Noticias relacionadas