O Arde Lvcvs toma a Euro-Rexión do Norte de Portugal a través de Vila Real

Carmen Basadre presentou este venres estes festexos, declarados recentemente de Interese Turístico Nacional, no marco de Expocidades, a feira de turismo do Eixo Atlántico

A presentación supón ademais un primeiro achegamento entre as dúas cidades, que non descartan colaborar en futuras accións para impulsar o turismo

Venres, 16 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Arde Lvcvs toma a Euro-Rexión do Norte de Portugal a través de Vila Real

O Arde Lvcvs este ano contará con máis de 300 actividades, das que unhas 40 son novas con respecto a edicións anteriores, aínda que tamén se manteñen as máis clásicas. Continuarase abrindo o Macellum, seguiranse celebrando bodas polo rito celta e romano e manteranse as loitas entre gladiadores. Dentro das novidades destaca a celebración dunha andaina polo adarve da Muralla e unha competición de Harpastum, un deporte romano entre o fútbol e o rugby.

Así o explicou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, nunha rolda de prensa en Vila Real, no marco de Expocidades, acompañada do edil de Educación e Turismo desta cidade, José María Magalhães. O obxectivo deste acto na feira de turismo do Eixo Atlántico é dar a coñecer estes festexos, que suman a distinción de Festa de Interese Turístico Galego e Nacional, e animar ás máis de 7 millóns de persoas que forman a Euro-Rexión do Norte de Portugal e Galicia a achegarse, os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo a Lugo, a revivir a historia do pasado romano e disfrutar dunha fin de semana distinta coa veciñanza luguesa, ou o que é mesmo, "a volver Lugo a Lucus Augusti, a retomar o pasado para traelo ao futuro".

Na presentación, Basadre explicou a orixe e historia da cidade e descubriu o patrimonio herdado dos romanos, como a Muralla de Lugo, que observará o desfile de 44 asociacións ao seu redor o sábado 1 de xullo, a partir das 20:30 horas; a Ponte Romana, por onde entrarán ás lexións romanas ao mando do Xeral Caio Antistio "O Vello" o venres a partir das 20:00 horas, ou As Termas, lugar onde se realizará unha ofrenda ás ninfas.

A presentación supón ademais un primeiro achegamento entre as dúas cidades, que non descartan colaborar en futuras accións para impulsar o turismo. A Concelleira, quen lembrou os distintos aspectos que comparten Galicia e Portugal, manifestou a importancia de traballar en rede, e máis entre cidades do Eixo Atlántico.

Nesta liña insistiu Magalhães, quen agradeceu ao Concello, personificado na Concelleira, o interese de facer esta presentación en Vila Real, agardando que este feito determine un traballo en equipo entre Lugo e Vila Real para impulsar o turismo. "Compartir coñecementos e experiencias é vital para todos, o que é importante para Lugo é importante para nós tamén”, asegurou o edil portugués, ao tempo que lle desexou un rotundo éxito ao Arde Lucus MMXVII.

Noticias relacionadas