Miguel Fernández eloxiou a traxectoria deste equipo, integrado por mulleres, algunhas pacientes con cáncer, que en só un ano lograron grandes éxitos, a bordo da embarcación dragon boat, na categoría PD3.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto aos concelleiros das áreas de Cohesión Territorial, Muller e Deportes, Ana González Abelleira, Ángeles Novo e Jorge Bustos, recibiron na Casa Consistorial ás integrantes do equipo das Dragonas do Cidade de Lugo de piragüismo, que veñen de regresar de Sevilla, onde se fixeron coa medalla de ouro no Campionato de España, na categoría PD3. O rexedor municipal felicitou ás campionas e a todas as responsables do equipo, integrado por mulleres, algunhas pacientes con cáncer, que comezaron a remar a bordo da embarcación dragón boat e que constituíron este equipo hai apenas un ano.
Tralos primeiros cinco meses de adestramento se fixeron co ouro no Campionato Galego, na modalidade de Dragon Boat, e o pasado fin de semana, no campeonato nacional disputado en Sevilla volveron a subir ao alto do podio, na categoría de PD3, sobre unha distancia de 2.000 metros. Miguel Fernández e o resto de edís que participaron na recepción deron os parabéns ás campionas, ás que desexaron sorte, tanto a nivel deportivo como persoal.



