O Alcalde presidiu hoxe unha xuntanza da Mesa Local de Comercio que tratou do problema dos manteiros no San Froilán

Venres, 20 de abril de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, presidiu unha reunión que celebrou hoxe a Mesa Local de Comercio que abordou, a petición do Presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, o problema dos manteiros na festa do San Froilán.

O Alcalde manifestou que comparte cos comerciantes a súa preocupación polo fenómenos dos manteiros, tanto polas repercusións que ten para o comercio de Lugo como polas consecuencias que ten sobre a imaxe da cidade e explicou que a dificultade estriba en que “este problema non se pode resolver manu militari, cunha actuación agresiva da policía ou con detencións masivas, entre outras cousas porque dese xeito aínda se prexudicaría máis a imaxe de Lugo”. Por este motivo, o Alcalde destacou a necesidade de que tanto o comercio local como as marcas formulen denuncias da venda de produtos falsificados, para facilitar a labor da policía.

Polo que respecta ó papel do Concello, o Alcalde deu conta das medidas que se están a levar a cabo para combater o fenómeno dos manteiros e salientou a modificación efectuada na Ordenanza de Venda Ambulante que recolle, na súa nova redacción, que as mercadorías poden ser retidas tanto a Policía Local como os axentes de consumo, xa que na anterior redacción desta Ordenanza só se recollía o papel destes últimos.

Outra iniciativa á que se referiu o Alcalde é a de pedir a colaboración da Xunta, a través da Dirección xeral de Comercio, para facer a valoración pericial das mercadorías, que é necesaria á hora de requisar o material que poñen á venda os manteiros. Neste sentido, o Xefe territorial de Industria e Comercio púxose a disposición da Xunta Local de Seguridade para axudar a resolver esta cuestión.

Tamén anunciou o Alcalde que o problema dos manteiros será un dos que se ocupe a Xunta Local de Seguridade na xuntanza que ten previsto celebrar o vindeiro martes.

Ademais, López Orozco manifestou que na última edición da festa de San Froilán, pese ás dificultades que elo conleva, a Policía Local ampliou as súas actuacións á tratar de localizar os focos de distribución das mercadorías.

Multimedia

Noticias relacionadas