Acompañado do edil de Deportes, supervisou as obras de mantemento e acordou cos representantes do Club Motopark Lugo varias actuacións para o total acondicionamento.
O rexedor sinala que “co impulso do noso goberno conseguimos que este circuíto sexa hoxe un referente a nivel mundial que poida acoller probas desta magnitude”.
Coa disputa, os días 10 e 11 de maio, do Gran Premio de España, “Lugo será de novo referencia internacional de grandes eventos deportivos”, explica Miguel Fernández.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto ao concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, visitou hoxe o circuíto municipal Jorge Prado, en pleno proceso de acondicionamento e posta a punto de cara á celebración, os vindeiros 10 e 11 de maio, do Gran Premio de España do Campionato do Mundo de Motocrós. Xunto aos representantes do club Motopark Lugo, entidade que se ocupa da xestión e conservación desta infraestrutura municipal, percorreron o circuíto para determinar as inversións a realizar así como as tarefas de mantemento necesarias para o desenvolvemento dunha proba de nivel internacional, como a que se disputará no mes de maio.
Na visita e percorrido ás distintas pistas que conforman a infraestrutura de Teixeiro, o rexedor municipal interesouse polas melloras levadas a cabo desde o Concello, que incluíron labores de desbroce, ás que se sumaron os traballos de mantemento realizados polo club concesionario. Precisamente, desde o Motopark Lugo explicaron que o feito de acoller outra proba do calendario mundial non implica máis tranquilidade senón máis reponsabilidade para mellorar tanto a infraestrutura a nivel deportivo, como os servizos que se prestan aos pilotos e ás escuderías como aos milleiros de asistentes e afeccionados que se agarda acudan á proba. Por iso, tanto Miguel Fernández como Jorge Bustos, ofreceron a máxima colaboración para perfeccionar todo o que afecta a estas instalacións punteiras, con especial fincapé na mellora da seguridade na pista e dos servizos xerais. Ademais de con inversións económicas, desde o Goberno Local prestarase apoio para a celebración da proba, mediante efectivos da Policía Local e de Protección Civil.
O alcalde de Lugo lembrou “a aposta decidida que o Concello de Lugo fixo pola creación deste circuíto, que este ano coa disputa por segundo ano consecutivo dunha proba puntuable para o Mundial de Motocrós, está a demostrar que Lugo ten un gran potencial, que pode ser escenario de grandes eventos deportivos, e que este circuíto é único en Galicia e unha das mellores instalacións do panorama nacional”. Ademais, tanto o rexedor municipal como o edil de Deportes, Jorge Bustos, insistiron no importante motor económico, social e turístico que probas desta magnitude supoñen a nivel internacional”.
O Gran Premio de España será neste 2025 a oitava proba puntuable para o Campionato do Mundo de Motocrós, que se disputará nas categorías MXGP, MX2, o Europeo de 250cc e o Mundial feminino, o que significa que Lugo será ademais o epicentro no que se dean cita as e os mellores pilotos do mundo.




