O Alcalde destaca que a seguridade e a convivencia son condicións fundamentais para que haxa liberdade

Xoves, 09 de febreiro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

López Orozco falou da necesidade de especialización das Policías Locais para facerlle fronte ós novos problemas de convivencia que se plantexan nas cidades

O Alcalde, José López Orozco, participou hoxe na inauguración do I Encontro Nacional dos Responsables de Seguridade Local (SeguCITY), que se celebra en Toledo. O Alcalde foi convidado a intervir na inauguración deste Encontro, organizado pola Asociación de Xefes de Policías Locais, xa que é o Presidente da Comisión de Seguridade e Convivencia da Federación Española de Municipios e Provincias.

Na súa intervención, o Alcalde salientou que “a formación é importante en todos os eidos pero moi especialmente no caso da Policía, que está obrigada a adiantarse as novas necesidades de seguridade que se producen, dado que as cidades son seres vivos e co paso do tempo xorden novos problemas ós que é necesario facerlles fronte para garantir a convivencia cidadá”.

Tamén destacou o Alcalde que “a seguridade e a convivencia son condición indispensable para que haxa liberdade e aí radica a importancia do traballo que fai a Policía Local”. Ademais apostou pola especialización das policías locais, xa que deben atender as necesidades máis inmediatas dos veciños, como son o tráfico ou problemas de convivencia de diversa índole que se producen nunha cidade.

López Orozco tamén sinalou que desde a súa responsabilidade como Presidente da Comisión de Seguridade e Convivencia agradece todas as suxestións que poida facer a Asociación de Xefes de Policías Locais, ben de xeito directo ou a través dos distintos grupos de traballo dos que se compón.

O Alcalde de Lugo participa nestas xornadas xunto co Xefe da Policía Local, Manuel Méndez Novo, e o Xefe do Parque Móbil e do Parque Infantil de Tráfico, José Reigosa.

No acto inaugural tamén participaron a Alcaldesa de Hospitalet, que preside un Foro de cidades de Seguridade e Policías Locais, e o Presidente da Asociación de Xefes de Policías Locais.

Multimedia

Noticias relacionadas