O Alcalde de Lugo visitou o inicio do novo curso de especialización en pavimentación que formará a 15 desempregados para a súa inserción laboral

Luns, 13 de xaneiro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Dous dos alumnos do curso traballarán durante tres meses nas obras de mellora do Carril do Son e Calella do Hospital

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, a Deputada de Economía e Facenda, Pilar García Porto, e o Presidente da Fundación Laboral da Construción, Hipólito Trinidad, asistiron esta mañá ao inicio dun novo curso práctico e remunerado sobre pavimentación no que 15 desempregados poderan especializarse nesa materia.

Trátase dun curso de formación ocupacional dirixido a persoas con especiais dificultades para o acceso ao mercado laboral na especialidade de pavimentadora/or cun total de 364 horas. Esta acción está financiada co Plan Urban, que que conta co 80% de cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

López Orozco subliñou que “o Concello aposta pola formación para mellorar a situación profesional e poder optar a un emprego e por iso queremos facer o esforzo para crear estas accións formativas” e adiantou que “partes dos seus beneficiados comezarán a traballar co inicio das obras de rehabilitación da Calella do Hospital e do Carril do Son durante un mínimo de 3 meses”. 

Co que hoxe se inicia son cinco os cursos que se levaron a cabo e que supuxeron unha inversión de 229.586 euros e máis de 60 desempregados con formación en materias específicas como madeira, canteiría, reforma de interiores e técnicos en tecnoloxías web. Estes cursos, ata o momento, supuxeron 13 contratos cunha duración media de 8 meses e agárdase que nos próximos meses se incorporen novas persoas á obra de rehabilitación do Vello Cárcere.

Multimedia

Noticias relacionadas