O Alcalde de Lugo presenta a convocatoria de axudas para microempresas que conta cun orzamento de 450.000 euros

Martes, 16 de setembro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Rosana Rielo, presentaron esta mañá as bases da convocatoria de axudas ás microempresas do Concello de Lugo. Trátase dunha medida de apoio a novas inversións e fomento da creación de emprego nun sector que sofre as consecuencias da crise económica.

López Orozco manifestou que “o Concello destina 450.000 euros para subvencionar accións dedicadas ao comercio e pequenas empresas lucenses” sinalando que se trata dun sector moi importante que xenera emprego, dinamiza barrios e rúas e “todo canto sexa colaboración para a modernización das microempresas lucenses merece a pena”.

Pola súa parte, Rosana Rielo explicou que “hai dúas liñas de axudas unha para investimento como son obras, maquinaria, mobiliario, ou equipamento informático, e outra liña para subvencionar gastos de persoal derivados da contratación de persoas desempregadas”.

Poderán solicitar esta liña de axudas as microempresas, con menos de 10 persoas e que xeren como máximo 2 millóns de euros, e que desenvolvan a súa actividade dentro do municipio de Lugo, excluida a zona URBAN. A axuda poderá ser de ata o 50% do total dos gastos e se están promovidos por unha muller, incrementaráselles a subvención nun 5% máis, ata un máximo do 55%.

O prazo de presentación será de vinte días a contar dende a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e que sairá publicado mañá mércores. O formulario pode obterse no Rexistro Xeral do Concello e na web www.lugo.es .

Estas medidas son complementarias a outras iniciativas que xa impulsou este Concello, como son as axudas do Plan Urban, exclusivo para o casco histórico, ou a creación e xestión do CEI-Nodus, en funcionamento dende o ano 2004, e que ademais de ceder espazos para novas empresas tamén realizan unha tarefa de asesoramento.

Multimedia

Noticias relacionadas