O Alcalde de Lugo e a Concelleira de Emprego participan no II Congreso de Mozos Descendentes de Españois en Arxentina

Venres, 09 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e os representantes da Cámara de Comercio acuden como convidados ó II Congreso de Mozos Descendentes de Españois, que da comezo o 2 de outubro ás 19:00 horas (hora arxentina) na Bolsa de Comercio da cidade arxentina de Rosario. Está organizado polo ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, pola Embaixada de España en Arxentina e pola Fundación España.

Na inauguración previsiblemente estarán o Presidente da Bolsa de Comercio de Rosario, Jorge Weskamp, o Presidente do Consello Municipal de Rosario, Miguel Ángel Zamarini, o Embaixador de España na República Arxentina, Rafael Estrella Pedrola, a Secretaria de Estado de Inmigración e Emigración, Consuelo Rumí e o Presidente da Comisión Inter-Congresos, Gastón Santos Juan.

A importancia deste Congreso radica sobre todo na enorme cantidade de españois que hai aínda hoxe na Arxentina e que superan os 300.000. Os organizadores esperan que á cidade de Rosario acudan arredor de 400 mozos de entre 18 e 35 anos chegados dende Arxentina, Uruguay e República Dominicana, para debater sobre institucións, temas laborais e educativos e integración entre Arxentina e España.

Este foro tamén é o lugar escollido para a presentación da Asociación Nacional de Mozos Descendentes de Españois, unha institución creada como espazo para fortalecer a integración e cooperación entre mozos descendentes de españois, contribuíndo ó fortalecemento do vínculo histórico e afectivo entre ámbolos dous países e tamén ó que identifican como sentimiento de identidade hispano-arxentina.

Durante o Congreso, os descendentes de españois tamén poderán expoñer as súas obras de arte e de arquitectura.

Ó longo deste encontro debatirase sobre a refuncionalización das asociacións e entidades da Colectividade, fundamentalmente na integración coas novas xeracións, a profesionalización, e as estratexias de autofinanciamento. Tamén sobre os conceptos de traballo en rede e as relacións institucionais.

O emprego tamén será un tema tratado neste Congreso. O traballo de españois e descendentes, as bolsas de emprego, os acordos con empresas españolas na Arxentina, programas de axuda, profesións e oficios máis demandados…

Outro aspecto a tratar será o da educación, un tema que tamén preocupa ós mozos descendentes de españois. No Congreso analizaranse fundamentalmente temas como as homologacións de títulos académicos, os programas de becas, a formación de grao e postgrao, ou a educación a distancia.

O Congreso rematará o día 4 coa Asamblea Anual da Asociación Nacional de Mozos Descendentes de Españois da República Arxentina.

No primeiro Congreso, realizado en decembro do ano 2006, as conclusións foron presentadas ante o Ministro de Traballo e Asuntos Sociais español, Jesús Caldera, quen participou no peche deste encontro que daquela se celebrou en Bos Aires.

O obxectivo destes Congresos de Mozos é expoñer ante as autoridades españolas as inquedanzas da colectividade máis nova da Arxentina.

A Dirección General de Emigración, tivo en conta nos seus programas de axudas e subvencións as recomendacións sobre emprego, inserción laboral, promoción profesional e apoio a emprendedores formuladas no Congreso do ano pasado.

A cidade de Rosario atópase a máis de 300 quilómetros de Bos Aires, na coñecida como Pampa húmida, e ten na actualidade arredor de 1 millón 200.000 habitantes, converténdose nunha das cidades máis poboadas da Arxentina

O Alcalde de Lugo intervirá nun Relatorio Marco
O Relatorio Marco no que intervirán o Alcalde lucense e a Concelleira, Sonia Méndez, comezará o día 3 de novembro ás 10 da mañá (hora arxentina) xunto co do Director da Cámara de Comercio de Lugo, Alberto Fernández. Será no Teatro La Comedia e xunto a eles tamén intervirán a Directora General del Instituto de la Juventud (INJUVE), Leire Iglesias; o Director General de Emigración, Agustín Torres Herrero, e o Rector da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), Juan Gimeno.

López Orozco e Sonia Méndez exporán as políticas de emprego seguidas dende o Concello de Lugo e centraranse fundamentalmente no Centro de Empresas e Innovación. O Alcalde lucense explicou que asiste a este Congreso coa intención de aprender e comunicar experiencias: “queremos explicar as nosas iniciativas con humildade, e empaparnos das doutros lugares”.

O CEI non só pon a disposición das novas empresas un espazo físico, senón que tamén conta con profesionais que axudan ó novo empresario a elaborar un Plan de empresa, a buscar as mellores liñas de subvención e as axudas máis adaptadas ó seu negocio, e a mellorar a formación dos seus traballadores.

O Concello de Lugo pertence á Rede PI+D+I de axentes coordenados a nivel nacional que asesoran ás empresas sobre a mellor forma de financiar o I+D+i.

Ademais, tamén leva a cabo proxectos recoñecidos nacional e internacionalmente como Abrindo camiños, Lugo Social, Lugo Cidade próxima, Alditec ou o Proxecto Parque.

Neste Congreso o Alcalde de Lugo tamén fará unha presentación da cidade a todos os descendentes de españois, entre os que se atopan moitos lucenses, para que vexan como está a cidade na actualidade. Poder ver o Lugo de hoxe, foi unha demanda de moitos dos descendentes de emigrantes lucenses cos que o Alcalde se foi atopando ó longo destes días de viaxe.

Noticias relacionadas