O 20 de setembro comeza o prazo para o cobro do IBI e da taxa dos vados

Mércores, 17 de setembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Economía e Emprego, que dirixe Sonia Méndez, anunciou hoxe o inicio do prazo para o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e de vados, que dende o ano pasado se fai nun período fixo, dende o 20 de setembro ata o 20 de novembro, tal e como recolle o calendario do contribuínte.

Este será o período voluntario, a partir do 20 de novembro comezará a recadación executiva que implica un recargo do 5%, por iso dende a Concelleira destacan a importancia de lembrar estas datas ou incluso domiciliar o pago.

Este ano o imposto do IBI permitirá a recadación de 14.944.454 euros en urbana o que supón un incremento do 5,17% con respecto ao ano 2007.

En canto ó número de recibos, será de 79.850 o que representa un 2,57% máis que na anualidade anterior.

En relación co cobro do IBI en rústico terá unha recadación de 56.205,23 euros e un total de 12.832 recibos, o que supón un incremento do 0,58% do importe e do 3,18% en canto ao número de recibos.

Cobro vados
O número de recibos das taxas por aproveitamentos especiais de vehículos da vía pública suporá unha recadación de 502.733,66  euros e un total de 3.486 recibos. O prazo para o seu cobro terá o mesmo periodo de duración, dende o 20 de setembro ata o 20 de novembro.

Medios de Pago
Para o pagamento destas taxas pódese optar por diferentes medios de pago. O pasado 20 de abril a Concellería de Economía puxo en marcha unha serie de medidas encamiñadas a dar máis garantías aos contribuíntes lucenses e mellorar os medios de pago coa administración local cumprindo os principios de transparencia e de claridade.
Unha das primeiras modificacións postas en marcha foi a ampliación das entidades colaboradoras no pagamento. A sinatura dun convenio con Caixanova permitiu a ampliación do número de entidades.

Outra das medidas postas en marcha foi a do pagamento online a través dunha pasarela de pago con Caixa Galicia e Caixanova. Este medio, un dos máis valorados polos contribuíntes nunha recente enquisa feita na web municipal, foi empregado no primeiro trimestre por 415 contribuíntes.

A domiciliación de recibos,  o pago a través de caixeiros -que permite pago en domingos e festivos e o pago mediante tarxeta, son outras das opcións das que dispoñen os veciños.

Noticias relacionadas