A nova plataforma veciñal Lugo en pé... na defensa do rural presenta ao Goberno local os seus obxectivos e demandas

O encontro terá lugar o venres, ás 17:00 horas, no centro Uxío Novoneyra

Asistirá a Alcaldesa e os concelleiros de Medio Rural, Economía e Infraestruturas Urbanas

Mércores, 05 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A nova plataforma veciñal Lugo en pé... na defensa do rural manterá un encontro o vindeiro venres, ás 17:00 horas, no salón de actos do centro de convivencia Uxío Novoneyra co fin de presentar os seus obxectivos e demandas ao Goberno local. Esta é a primeira xuntanza que manteñen por ser o Concello a administración máis próxima ao cidadán. Ao acto asistirá a Alcaldesa, Lara Méndez, xunto aos Concelleiros de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez.

A plataforma, que impulsa a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, nace no municipio lucense, aínda que coa vocación de estenderse por toda a provincia, e está composta por representantes de distintos colectivos vinculados ao medio rural.

Entre as reivindicacións coas que xurde Lugo en pé... na defensa do rural figuran a dotación de saneamento, o impulso de medidas que freen o despoboamento, a eliminación de vertedoiros incontrolados, a reforestación, a loita contra os incendios, o arranxo de vías, o alumeado ou o prezo do leite.

Ao encontro do venres están convocadas todas as asociacións integrantes da Federación Veciñal, pero trátase dunha reunión aberta, á que pode acudir calquera persoa ou representante dun colectivo que o desexe.

A intención da nova plataforma é, tras esta primeira reunión co Goberno local, manter encontros cos partidos con representación municipal e co resto de administracións públicas.

Noticias relacionadas