Muller e Igualdade visibilizará a reivindicación dunha igualdade salarial ca proxección do filme Pago Justo o vindeiro 22 de febreiro

Trátase de conmemorar os días significativos con perspectiva de xénero e pór en valor e apoderarse da cultura feminista.

A proxección terá lugar no auditorio do Vello Cárcere, o propio día 22, a partir das 18:00 horas. A entrada é libre ata completar aforo.

Xoves, 17 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Muller e Igualdade visibilizará a reivindicación dunha igualdade salarial ca proxección do filme Pago Justo o vindeiro 22 de febreiro

O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Muller e Igualdade que dirixe Silvia Alonso, visibilizará a reivindicación dunha igualdade salarial que elimine a fenda entre as retribucións que perciben as mulleres e os homes pola realización de idéntico traballo, unha diferenza dun 20% a nivel mundial. Ademais, son moitas as mulleres que traballan na economía informal ou a tempo parcial, por mor de problemas de conciliación ou por falta de oportunidades laborais.

Silvia Alonso lembrou que a violencia que se exerce contra as mulleres no mundo tamén é económica e un indicador que amosa dita violencia é a fenda salarial, que se viu agravada pola pandemia. Segundo un informe do Foro Económico Mundial terán que pasar 267 anos para que as mulleres conten cos mesmos ingresos, dereitos e oportunidades que os homes, por un mesmo tipo de traballo e nivel formativo.

Por este motivo, a Concellería de Muller e Igualdade programou a proxección do filme Pago Justo, dirixido por Nigel Cole, unha comedia dramática basada na folga que tivo lugar en 1968 na planta de Ford en Dagenham para reivindicar a igualdade de salario entre mulleres e homes e que motivou a aprobación da primeira lei británica a este respecto en 1970. Esta película ten unha duración de 1 hora e 53 minutos e é apta para todos os públicos.

A proxección terá lugar no auditorio do Vello Cárcere, o propio día 22, a partir das 18:00 horas. A entrada é libre ata completar aforo. Posteriormente haberá un coloquio no que participarán membros do Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade.

Tal e como explicou Silvia Alonso, “dende a Concellería pretendemos con esta programación mostrar o noso compromiso con calquera causa que contribúa a eliminar as desigualdades entre mulleres e homes en calquera ámbito da sociedade”.

Noticias relacionadas