O obxectivo desta xornada é reivindicar, cunha óptica feminista, o papel fundamental das mulleres na preservación da poesía, o canto e a cultura popular de Galicia.
O auditorio deste espacio cultural acollerá o xoves dúas sesións de mañá e tarde para colexios e para o público en xeral, co pase da curtametraxe “Lévame a idea”.
A edil Ángeles Novo destaca que “esta cinta ten un compromiso claro coa promoción da igualdade e a visibilidade das mulleres en todos os ámbitos sociais e culturais”.

A área de Muller e Igualdade do Concello de Lugo súmase á celebración do Día das Letras Galegas coa proxección dun documental no Vello Cárcere sobre as divulgadoras da música de tradición oral galega. A área que dirixe Ángeles Novo pon en valor con esta xornada, prevista para o xoves día 15, a decisión da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado nas cantareiras Eva Castiñeira, de Muxía; Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; e Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema, das Pandeireteiras de Mens. Para a edil de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, “a curtametraxe titulada “Lévame a idea”, que se proxectará en dous pases para colexios e para o público en xeral, reivindica, desde unha óptica feminista, o papel fundamental das mulleres á hora de presevar a poesía, o canto e a cultura popular galega, que é o principal obxectivo. Por outra banda, esta cinta supón afondar na promoción da igualdade e en dar visibilidade á muller en todos os ámbitos sociais e culturais”.
O xoves, ás 11.30 da mañá, terá lugar o pase do documental para estudantes dos centros educativos de Lugo, mentres que pola tarde, a partir das 19.30 terá lugar a proxección da citada curtametraxe, realizada por tres mulleres vinculadas dende hai moitos anos ao eido da música tradicional. “Trátase dunha cinta na que ponse en valor a cultura popular de Galicia, como piar esencial da nosa identidade colectiva a través da transmisión oral das letras e músicas que nos vertebran como pobo presente nas achegas que saen de distintos eidos relacionados ao mundo do tradicional”, apunta Ángeles Novo.
Desde a área de Muller e Igualdade explican que “temos claro que neste importante labor de promoción, difusión e conservación da nosa lingua xogan un papel crucial a educación e a formación que se imparte nos centros de ensino públicos, de aí que abramos a proxección do documental e a celebración aos centros de ensino, non só para conmemorar o Día das Letras Galegas, senón tamén para poñer en valor o papel das mulleres como transmisoras desa importante tradición oral”.
O documental contén diferentes testemuñas, dende as mulleres que acompañaban co canto diversos momentos da súa vida cotiá ata as xeracións de pandeireteiras máis actuais, pasando por aquelas que tiveron a inquedanza de achegarse ás aldeas para recoller e aprender todo o que estivo a piques de perderse.
En definitiva, sinala a edil Ángeles Novo, “cremos que se trata dunha iniciativa moi enriquecedora, que contribúe a poñer en valor o legado das mulleres e da memoria histórica e a transmisión cultural protagonizada polas mulleres do rural galego, ao tempo que denuncia o machismo nesa cultura popular, que temos que preservar pero desde unha óptica feminina”.
Audio
- A edil de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, sobre a celebración do Día das Letras Galegas | Descargar mp3



