Melodías clásicas e barrocas escoitaranse de novo en Lugo na XLVII Semana de Música do Corpus

Carmen Basadre e José Luis Díaz presentaron este festival, que inclúe 9 concertos e que terán lugar do 24 de maio ao 8 de xuño, no Círculo das Artes, na Casa do Saber e no Vello Cárcere

Completa a programación o VI Festival Internacional de Órgano, que se celebra do 4 ao 24 de xuño. Tamén haberá música na rúa, o 25 de maio

Venres, 03 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Melodías clásicas e barrocas escoitaranse de novo en Lugo na XLVII Semana de Música do Corpus

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto a un representante da Sociedade Filharmónica de Lugo, José Luis Díaz, presentaron este venres, no patio do Vello Cárcere, a XLVII Semana de Música do Corpus. Trátase dunha programación de 9 concertos, que terán lugar do 24 de maio ao 8 de xuño no Círculo das Artes, na Casa do Saber e no Vello Cárcere. Unha vez máis, esta semana de música clásica e barroca, complétase co VI Festival Internacional de Órgano Corpus Christie de Lugo, que se celebra do 4 ao 24 de xuño na Catedral de Santa María, na Igrexa de Santiago A Nova e na Igrexa de San Pedro. Tamén haberá música na rúa, a cargo do alumnado do conservatorio e das escolas de música, das 12:00 ás 20:00 horas, o sábado, 25 de maio. A entrada para toda a programación é libre, ata completar cabida. No acto tamén estivo presente o director deste último festival, Luis Varela.

Durante a presentación, Carmen Basadre fixo fincapé no caracter aberto deste festival, "co que intentamos que a música, cada vez máis, encha a cidade, sendo un acto cultural para disfrutar a maior cantidade de veciños e veciñas". Así mesmo, amosouse satisfeita pola continuidade deste festival, que logo de 47 anos xa acadou cararacter internacional.

Pola súa banda, José Luis Díaz agradeceulle ao Concello que confíe na Sociedade Filharmónica de Lugo para a dirección artística e técnica do ciclo, que este contempla unha actuación máis que a pasada edición, e que se caracteriza por tentar traer a Lugo primeiras figuras da música internacional e proxectos de plena actualidade.

Ao longo de case un mes, artistas e agrupacións destacadas fan protagonistas a grandes pezas da historia musical con melodías clásicas e barrocas. Un evento cheo de prestixio e calidade que, nesta ocasión, reunirá na cidade á Real Filharmonía de Galicia, ao grupo Forma Antiqva, ao dúo Las Arpas Sonoras, ao trío MUSica ALcheMIca, á Orquestra Sinfónica Vigo 430, ao grupo El Afecto Ilustrado con Hugo Bolívar, a Germán Díaz &Benxamín Otero, á pianista Gabriela Montero e á Historia do Soldado.

VI Festival Internacional de Órgano

Baixo o paraugas do Festival de Música cidade de Lugo atópase o VIFestival Internacinal de Órgano do Corpus Christi, neste caso organizado polo Centro Eucarístico Lucense coa colaboración da entidade local. Nel participarán a Orquestra  Vigo 430 & Giulio Mercati, Fabio Ciofinci & Giulio Mercati, Sergio Orabona, Grupo Sólo Voces & Ulrike Northoff e Karin Richter & Jean-Christophe Geiser.

Máis información en www.lugo.gal e no 010.

Máis info

Noticias relacionadas