Medio Rural investirá 400.000 euros no mantemento das vías do rural

Miguel Fernández indica que o contrato, que se adxudicará mañá en Xunta de Goberno, permitirá ao Concello actuar nos 350 quilómetros de pistas municipais

Esta semana outorgarase tamén a licitación dun servizo de reparacións, ás 24 horas do día, na rede de saneamento e se concederán, ademais, 5 licenzas para diferentes actuacións urbanísticas

Martes, 06 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural investirá 400.000 euros no mantemento das vías do rural

Acondicionar as estradas municipais e facelo ademais con dilixencia logo dun ano atípico,   marcado pola pandemia, que postergou de forma obrigada moitas das tarefas ordinarias que desenvolve a administración. Con ese obxectivo a área de Medio Rural investirá, cada ano, 135.000 euros para garantir “en tempo e forma” o mantemento da rede viaria do rural.

O edil Miguel Fernández explica que a Xunta de Goberno Local adxudicará mañá o Lote 1 da licitación á empresa Transformaciones Agrarias Isidro Hermanos Blanco Trigo SL, para que asuma os traballos de acondicionamento de 350 km de estradas concentradas na zona Norte e Leste de Lugo, por un importe de 62.999’97 €, e o Lote 2, que abrangue 400 km de pistas na parte Sur e Oeste do termo municipal, ao Grupo Bascuas 2008 SL, cun custo de 72.000’03 €.

“O contrato, terá unha validez dun ano, prorrogable por outros dous, nos que se dará cobertura ás 54 parroquias lucenses. O feito de dividilo en sectores, servirá para gañar en axilidade e simultanear os labores de conservación en diferentes puntos do territorio limitando só aos condicionantes climatolóxicos o seu desenvolvemento”, indicou o concelleiro.

Na reunión deste mércores, o executivo local, outorgará ademais o contrato do servizo de reparacións na rede de saneamento que permitirá abordar con inmediatez as deficiencias detectadas nas canalizacións da cidade. A empresa Urbaconsa SL, que presentou a oferta máis vantaxosa, será a responsable da prestación que terá tres exercicios de vixencia e disporá dun orzamento anual de 50.000 euros.

Por outra banda, na sesión desta semana concederanse tamén 5 licenzas para diferentes actuacións urbanísticas, entre elas a ampliación e mellora tecnolóxica dunha sala de despece de industria cárnica en Vilamoure, Saa (155.103 euros); a instalación dun ascensor nun inmoble da rúa Río Ser (50.420 €), a mellora das condicións de accesibilidade nos portais dun edificio do Carril das Flores (79.476 €), e a construción dun galiñeiro  para autoconsumo nunha vivenda de Piúgos (2.525’64 €), así como a legalización do cambio de uso a vivenda efectuado nun local de planta baixa na rúa San Froilán.

Audio

  • O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre o mantemento das vías do rural | Descargar mp3

Noticias relacionadas