Medio Ambiente ordena a poda da contorna do auditorio Gustavo Freire para facilitar a próxima apertura do Mercadiño de Frigsa

Esta mañá o edil Álvaro Santos coordinaba o inicio dos traballos cos responsables da concesionaria do mantemento dos xardíns e da empresa que asumirá a repavimentación desta zona

A intervención permitirá tamén, de forma temporal, estender ao estacionamento do auditorio a colocación dos postos ampliando a distancia entre eles para garantir a seguridade cidadá durante as feiras

Venres, 15 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente ordena a poda da contorna do auditorio Gustavo Freire para facilitar a próxima apertura do Mercadiño de Frigsa

A área de Medio Ambiente ordenaba hoxe o inicio, este luns, da poda das árbores que se atopan na contorna do auditorio Gustavo Freire para facilitar a próxima apertura do Mercadiño que se realiza nas inmediacións.

O edil Álvaro Santos, acompañado pola alcaldesa, Lara Méndez, trasladábase esta mañá a Frigsa para organizar, cos operarios do servizo de mantemento e conservación das zonas verdes da cidade, o comezo das tarefas de limpeza mediante as cales se procederá a acondicionar os arredores da dotación cultural para, posteriormente, acometer á súa pavimentación.

No encontro estivo tamén o responsable da empresa adxudicataria destes traballos, de maneira que dende a área de Medio Ambiente, en colaboración coa concellería de Infraestruturas, se coordinaron os labores necesarios para posibilitar a execución da intervención.

“Primeiramente, entre o luns e o martes procederase a podar o arboredo e a vexetación que foi invadindo parte do estacionamiento que rodea o auditorio co fin de que todo o espazo quede en condicións óptimas para, a continuación, rexenerar o firme que se atopa moi deteriorado”, indicou Santos Ramos.

O concelleiro subliñou que os labores se axilizarán ao máximo posible para favorecer que o Mercado, como dinamizador económico para moitos produtores locais, se retome canto antes. “Iso si, nas condicións idóneas de seguridade e primando sempre a protección de comerciantes e usuarios”.

“De feito, o acondicionamento desta chaira permitirá estender, temporalmente, ata este punto a colocación dos postos ampliando así a separación entre eles para garantir a distancia social tipificada e evitar a propagación do coronavirus”, concluíu Santos Ramos.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre o acondicionamento nas inmediacións do Auditorio Gustavo Freire | Descargar  mp3

Noticias relacionadas