O goberno de Lara Méndez segue a dar pasos de cara a un modelo de municipio respectuoso co medio ambiente e á vangarda das solucións sostibles
O proxecto Lugo Smart City conta cun orzamento de licitación de 4.112.801 euros
A concellería de Medio Ambiente decantouse por Aguas Férreas e Acea de Olga, por facilidade de manobra na colocación
- Tema

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez supervisou esta maña a instalación dos primeiros colectores intelixentes do sistema de Xestión de Recollida de Residuos na zona urbana, con capacidade de medir o nivel de enchido de lixo e tamén a hora na que se baleiran. Méndez comentou que ” Unha vez se colocaron todos os sensores volumétricos, tarefa realizada nos meses de agosto e setembro, levaronse a cabo multiples analíticas por parte dos técnicos para comprobar que o sistema funcionara correctamente e tras os óptimos datos obtidos , comezamos hoxe a trasladar os colectores á rúa, e seguir avanzando cara o novo modelo de cidade”.
A concellería de Medio Ambiente, dirixida polo edil Alvaro Santos, sostén que “en total serán 50 colectores de papel e 50 de plástico e a mediados da próxima semana os técnicos finalizarán as tarefas de colocacion dos mesmos”. Aguas Férreas e Acea de Olga teñen xa planificadas as rutas para levar a cabo estas probas piloto. O edil explicou que “Aguas Férreas e Acea de Olga son as rutas fixadas por facilidade de manobra na colocación, maior dispersión dos roteiros para posteriores medicións de cobertura ademáis de estabilidade na produción de residuos”
O Concello de Lugo grazas a este sistema intelixente, poderá ter constancia do nivel de carga do contentedor o que implica unha mellora da eficiencia nos roteiros de recollida de residuos, ao evitar desprazamentos innecesarios en núcleos urbanos dispersos ademais de minorar o tempo de carga e descarga xa que unicamente se procederá ao vaciado de colectores con niveis de enchido óptimos o que implica para o Concello de Lugo unha reducion de custos.
O goberno de Lara Méndez continúa a dar pasos de cara un modelo de municipio respectuoso co medio ambiente e á vangarda das solucións sostibles, o que suporá unha mellora do benestar e da calidade de vida da veciñanza lucense nos vindeiros anos. Por iso, ademais de coa recollida de residuos sólidos urbanos, estanse a dar pasos de cara a un novo modelo de cidade, avanzando na implantación da Administración Electrónica, en sistemas de xeolocalización para conseguir aparcadoiros intelixentes e buscando a eficiencia enerxética en edificios públicos e o alumeado público, tanto no entorno urbano como rural.
O proxecto Lugo Smart City conta cun orzamento de licitación de 4.112.801 euros, dos que o Ministerio de Economía e Empresa achega o 60%, uns 2,5 millóns, a través de Red.es, coa cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o Concello de Lugo aporta máis de 1,6 millóns de euros.