Máis do 50% dos Orzamentos municipais para 2020 destinaranse á procura dun Lugo máis ecolóxico que, o vindeiro ano, disporá de case un 20% máis de fondos para Políticas Sociais

Este presuposto é o froito da estabilidade que propicia un goberno en maioría, estabilidade que, tal e como vimos estes anos, resulta fundamental para o benestar do noso municipio porque o bloqueo aos presupostos anteriores impediu que a cidade avanzase ao ritmo que merece a súa veciñanza”, subliñou Lara Méndez.

Rubén Arroxo sinala que “os investimentos das nosas concellerías permitirán avanzar, a partir do 1 de xaneiro, en todos os proxectos e necesidades que ten esta cidade”.

A alcaldesa destaca un investimento superior aos 8 millóns de euros para fomentar o emprego, cun programa específico para persoas en risco de exclusión social

Rubén Arroxo anuncia unha partida de 800.000€ para a peonalización da Mosqueira

Mércores, 20 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis do 50% dos Orzamentos municipais para 2020 destinaranse á procura dun Lugo máis ecolóxico que, o vindeiro ano, disporá de case un 20% máis de fondos para Políticas Sociais

Os orzamentos do 2020, equilibrados en ingresos e gastos, recuperan para o seguinte exercicio un investimento total de 100.061.680’84 euros, incrementándose case un 5% respecto ao vixente, aprobado no 2018.

Esa foi a carta de presentación coa que a rexedora de Lugo, Lara Méndez, debullaba hoxe as vindeiras contas municipais.

Un ano máis, son orzamentos pensados para as persoas e que queren dar resposta ao mandato que a sociedade lucense nos encomendou: xestionar responsablemente os asuntos públicos, co compromiso de seguir tecendo estruturas sociais, educativas e económicas que sirvan para consolidar definitivamente un estilo de acción pública presidido por valores de progreso, solidariedade, liberdade, humanidade e equidade social”.

A alcaldesa destacou que “os presupostos son froito da estabilidade alcanzada cun goberno en maioría, estabilidade que, tal e como vimos estes anos, é fundamental para o benestar do noso municipio porque o bloqueo aos presupostos anteriores impediu que a cidade avanzase ao ritmo que merece a súa veciñanza. Coa vantaxe ademais de que, ese entendemento propiciará que poida entrar en vigor o un de xaneiro con 12 meses por diante para acometer a súa execución”.

Son unhas contas xerais nas que se traballou conxuntamente coas distintas concellarías delegadas e que constitúen, en termos financeiros e contables, o programa directivo e de toma de decisións para o próximo ano, pero ademais son tamén unha folla de ruta na que seguimos a traballar para acadar a segunda gran transformación de Lugo que iniciamos hai catro anos”, subliñou Lara Méndez.

A rexedora explicou que o documento reflicte, de xeito totalmente transversal, o firme compromiso do Concello de Lugo “cun enfoque das políticas orzamentarias en termos de xénero pero tamén de sustentabilidade medioambiental, de acordo co modelo de cidade que defendemos, aplicándose na execución orzamentaria criterios de solidariedade e colaboración entre as áreas de xestión pública. Cremos que só con bases firmes Lugo pode ser un municipio xerador de oportunidades para a súa xente e para a atracción de nova poboación, que lle permita crecer e superar a barreira dos 100.000 habitantes, o que traerá consigo beneficios económicos”.

A alcaldesa, indicou que os orzamentos de 2020 seguirán a fomentar as políticas sociais, “eixo central deste Goberno nos últimos vinte anos, ás que se destinarán máis de 28 millóns de euros”, é dicir, o 28% do total do presuposto, que supón un 18% máis que no 2018.

Un aspecto que, cremos, nos afianza no noso compromiso ineludible por acadar mellores niveis de calidade de vida nos ámbitos urbanos e rural, por integrar os sectores máis desfavorecidos, por fomentar a oferta educativa, deportiva e cultural e por apostar por unha dimensión patrimonial e turística acorde co potencial da nosa cidade, definindo unha implicación decidida do sector comercial e do emprendemento como impulsor de cambios”.

Así, Lara Méndez anunciou un investimento superior aos 3 millóns de euros asignados a Servizos Sociais, entre os que destacan o gasto nos 7 centros cívicos que acollen a máis de 20.000 usuarios; os 741.584 euros dirixidos a políticas de muller ou os 6,5 millóns destinados a axudar ás persoas con menos recursos da cidade a través da reinserción e promoción social, a axuda no fogar, os pisos de acollida ou o Fogar do Transeúnte, entre outros recursos.

Mais se os municipios sostibles son aqueles que acadan a xustiza social, esta pasa tamén, necesariamente, por unha sustentabilidade económica e ambiental e pola equidade – engadiu a rexedora. Neste último marco, as contas do 2020 apostarán por aumentar a dimensión ecolóxica que permita a Lugo seguir abandeirando a adaptación contra o cambio climático”.

Desta forma, máis do 50% dos investimentos reais previstos darán cobertura a actuacións de renovación urbana, de transición enerxética e de mobilidade sustentable, que axudarán á redución do C02, como senda da transformación do Lugo Cidade Verde e Humana que garante o benestar da súa cidadanía”.

Un obxectivo que Méndez concretou en 10’5 millóns de euros, afirmando que máis de 10€ de cada cen, se destinarán a investimento real. Entre as actuación a desenvolver a alcaldesa avanzou 3’3 millóns € para os proxectos de unión da trama urbana co río - a través da estratexia EDUSI Muramiñae, o 1’1 millón € para a substitución de canalizacións de fibrocemento na rede de abastecemento, obras que, ao seu xuízo, “se fan especialmente necesarias e que servirán, xunto a outras medidas, para renovar o saneamento da cidade e evitar as avarías que agora tantas molestias causan aos veciños”.

Intervencións ás que engadiu 368.881€ para asumir as expropiacións que conleva o desdobramento da Duquesa de Lugo, 550.000€ en parques infantís, 500.000€ para obras no rural, 423.150€ en áreas deportivas e 243.000 en melloras dos centros sociais.

Lara Méndez enxalzou igualmente o gasto en políticas de Deporte e Saúde, que ascenden a 3’3 millóns €, ou os máis de 8 millóns dedicados a Políticas de Emprego.

Un Concello responsable non pode ser alleo aos problemas de emprego e as incertezas económicas, e aínda que Lugo non ten as competencias nesta materia, dará un novo impulso ao CEI - Nodus para axudar a dinamización económica a través do emprendemento e das accións que melloren a empregabilidade dos e das lucenses. Os excelentes bos resultados dos 15 anos de vida deste centro, coa creación de máis dun cento de empresas, indican que se está a trazar un bo camiño”.

Así mesmo, a alcaldesa referiu a preparación en 2020 dun Plan Estratéxico de Dinamización Económica que vertebre todos os potenciais do concello, “como municipio acolledor de empresas vinculada coa economía verde, as novas tecnoloxías e o turismo, tendo en conta ademais as perspectivas da celebración dos vindeiros Anos Santos e os plans de mellora do Camiño Primitivo. Ademais, porase en marcha un Plan de Emprego, por valor de 700.000 euros, para persoas en risco de exclusión”.

E todo isto sen esquecer que temos unhas contas saneadas, obxectivo alcanzado no 2017 a pesar dos 43,5 millóns de débeda municipal que deixaron os anteriores gobernos do PP”, lembrou.

En definitiva, as contas para o vindeiro ano amosan a vontade decidida desta Alcaldía e do seu Goberno de asumir unha xestión responsable, mediante a continuidade na aplicación, por unha banda, de medidas rigorosas para optimizar a eficiencia financeira, segundo os principios de equilibrio e universalidade e, por outro, cun aumento progresivo e permanente na modernización e na calidade da xestión dos asuntos e dos servizos públicos, inspirados nesta segunda gran transformación que está a experimentar o municipio baseándonos naqueles parámetros que melloran a vida e o benestar da súa veciñanza”, concluíu Lara Méndez.

Pola súa banda, Rubén Arroxo sinalou que os investimentos das concellerías de Mobilidade, Infraestruturas, Participación, Cultura e Educación, “nos van permitir avanzar, a partir do 1 de xaneiro, en todos os proxectos e necesidades que ten esta cidade”.

Arroxo destacou, dentro dos proxectos para Mobilidade, a peonalización da Mosqueira “nesa idea na que moitas e moitos soñamos, que o noso Patrimonio Mundial máis querido, poida seguir avanzando na súa humanización que, agardamos, algún día sexa total”. Para este proxecto, a área de Mobilidade investirá un total de 800.000€, 600.000€ dedicados ás actuacións necesarias, xunto con outros 200.000€ que servirán para desenvolver a reordenación do tráfico.

A concellería de Infraestruturas realizará inversións de 373.000€ na renovación das instalacións eléctricas na Fonte dos Ranchos e Avenida das Américas, que, segundo indicou Rubén Arroxo, “servirán para instalar luminarias de maior eficiencia enerxética e menor consumo e que ademais eviten zonas escuras”.

Cada ano avanzaremos nisto, conseguindo unha cidade máis ecolóxica, con menor consumo enerxético e que dispoña de zonas máis seguras ao estar mellor iluminada”.

Ademais, Infraestruturas investirá medio millón de euros en arranxos de rúas con pavimentos gastados e beirarrúas que poidan estar danadas “incluso aumentando o seu ancho nos puntos onde transita moita xente e que sexa necesario para mellorar a mobilidade a pé” por toda a cidade.

Esta inversión dividirase en 200.000€ nos barrios periurbanos, como Albeiros, as Gándaras, a Cheda ou a Abella entre outros. Outros 150.000€ destinaranse na zona norte da cidade, incluíndo a Milagrosa, Lamas de Prado, a Piringalla, etc. Outros 150.000€ máis dedicaranse para a zona sur, no entorno de Fontiñas, Fingoi, San Roque, etc. Por outra banda, un total de 30.000€ destinaranse para o mobiliario urbano, no que, segundo Rubén Arroxo, “se incluirán dende aparcabicis ata a reparación do mobiliario que a día de hoxe está estragado”.

Dentro da área de Participación e Servizos para a Veciñanza, un total de 300.000€ destinaranse a arranxos no entorno do Cemiterio Municipal, onde se inclúe o arranxo do Centro Expositivo, a creación de novas sepulturas, o retellamento e adecentamento do terreo do ovo Cemiterio na zona que está aínda sen desenvolver, “na que se fará un entorno de céspede”.

Ademais, inclúese o asfaltado do segundo tramo da paralela e a entrada principal do cemiterio. Por outra banda, un total de 400.000€ investiranse nas obras pendentes do soto da Praza de Abastos.

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua incrementa as partidas dedicadas á programación cultural “coa idea de continuar apostando polo desenvolvemento e apoio do importantísimo tecido cultural de Lugo”, segundo indicou Rubén Arroxo, “como institución temos a obriga e o deber de apoialo”, mentres que no tocante á concellería de Educación e Difusión do Coñecemento incrementarase o orzamento adicado ao mantemento de colexios e escolas infantís municipais , “a raíz das deficiencias que observamos nestes meses”.

Audio

Noticias relacionadas