Máis de medio centenar de establecementos participan na iniciativa Comercio na Rúa, promovida polo Executivo de Paula Alvarellos

Martes, 27 de agosto de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de medio centenar de establecementos participan na iniciativa Comercio na Rúa, promovida polo Executivo de Paula Alvarellos

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e do presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, visitaron este martes varios dos establecementos participantes na iniciativa Comercio na Rúa, posta en marcha polo Executivo Municipal da man da Federación.

Un total de 53 tendas de toda a cidade de sectores diversos, como téxtil de adultos e de nenos, deporte, calzado, bixutería, xoiería, librería, óptica, etc., participaron no estreno da iniciativa, que terá lugar o último martes de cada mes. Os comercios participantes están identificados cunha bandeirola e localízanse principalmente no centro histórico e na contorna da Avenida da Coruña.

O Concello promove esta iniciativa, a través da área de Dinamización Económica, co obxectivo de apoiar ao pequeno comercio da cidade, pois estes establecementos non só contribúen a xerar riqueza no municipio, senón que tamén manteñen un elevado número de postos de traballo, polo que mercar neles redunda no beneficio de toda a cidadanía.

“Mercar no comercio local non só é un xesto de solidariedade cos nosos veciños e veciñas que cada día abren as portas dos seus establecementos con ilusión, senón que tamén nos permite acceder a produtos únicos e de calidade, moitos deles elaborados na nosa comunidade”, lembrou a rexedora. 

Multimedia

  • Máis de medio centenar de establecementos participan na iniciativa Comercio na Rúa, promovida polo Executivo de Paula Alvarellos
  • Máis de medio centenar de establecementos participan na iniciativa Comercio na Rúa, promovida polo Executivo de Paula Alvarellos

Noticias relacionadas