Máis de 1.000 persoas participaron nas actividades dos Centros de Dinamización Social das parroquias ao longo de 2008

Mércores, 04 de febreiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As actividades organizadas pola Concellería de Muller e Benestar Social, que dirixe Carme Basadre, nos Centros de Dinamización Social de San Xoan do Campo, Coeses e Santa María de Bóveda, contaron ao longo do ano 2008 con máis de un milleiro de participantes.

O obxectivo do Concello de Lugo é converter estes Centros de Dinamización Social en punto de encontro interxeneracional entre os veciños e veciñas da zona rural, aínda que os máis beneficiados son as persoas maiores que, normalmente, se atopan nunha situación de maior risco de illamento e soidade.

A Concellería de Carmen Basadre aposta pola descentralización de servizos, levando completos programas aos veciños e veciñas das 54 parroquias de Lugo, para que teñan as mesmas oportunidades que os que viven na zona urbana.

Os Centros de Dinamización Social acollen actividades para o lecer e o entretemento, como excursións, traballos manuais, cursos de cestería e de cociña, pero tamén vencelladas coa saúde ou a propia estética, como son as clases de tai-chi ou de adestramento da memoria.

As actividades que contan cunha maior demanda nestes centros son as destinadas á perruquería e fisioterapia.

Coa posta en marcha desta variedade de actividades nas parroquias lucenses, o Concello de Lugo contribúe a enriquecer a convivencia na zona rural ao tempo que favorece a conciliación entre vida laboral e familiar, ao quedar pequenos e maiores ben atendidos mentras os seus familiares se ocupan doutros quefaceres.

Novo centro de dinamización social
O vindeiro día 20 de febreiro, a Concellería de Muller e Benestar Social porá en marcha un novo Centro de Dinamización Social na parroquia de Calde, onde se organizarán actividades para festexar o Entroido.

O Centro, que suporá un importante aumento da oferta de lecer nas parroquias do rural, estará ao cargo de mulleres da zona que participaron nun curso de formación do Concello de Lugo.

O Concello ten previsto poñer en marcha neste mandato ademais as Escolas de San Pedro de Mera, Santa Comba e Rubiás para que se convirtan en puntos de enocntro dos veciños e veciñas das parroquias de Lugo.

Multimedia

Noticias relacionadas