Máis da metade do presuposto en Benestar Social está dirixido a actividades relacionadas directamente coa atención aos máis necesitados

Venres, 11 de xaneiro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, informou esta mañá da importante inversión que realiza o Concello de Lugo en materia de benestar e servizos sociais. Para o ano 2013 a Concellería de Benestar conta cun orzamento de máis de 7 millóns de euros cos que se pretende mellorar a situación das persoas que máis o necesitan.

Ana G. Abelleira insistiu en que “o Concello aposta polas persoas e por iso aumentamos o orzamento en servizos sociais para apoiar e axudar a todas aquelas que máis o precisan” matizando que “nós non facemos como a Xunta de Galicia que eles prometen pero á hora da verdade recortan”.

Así, a Concellería de Benestar Social, destinará 3.715.659 euros ao mantemento de servizos que viña prestando durante estes anos e dos que a Xunta se desentendeu totalmente, como son Emerxencia Social, Atención no Domicilio, Xantar no Fogar, Centros de Día, a Teleasistencia e o Fogar do Transeúnte.

Para este exercicio, o programa de Emerxencia Social que atende ás necesidades puntuais de familias e persoas con poucos recursos, conta cun orzamento de 206.000 euros no que se inclúe a contía relativa á paga extra de Nadal da corporación municipal á que renunciaron a favor dos que máis o precisan. Tamén é importante a inversión de 2.234.500 euros nos servizos de Atención ao Domicilio e de Xantar no Fogar, que aglutinan a máis de 500 persoas maiores e dependentes.

Os diferentes centros de día, que atenden a un total de 106 maiores e dependentes, tamén van contar cun orzamento próximo de 1 millón de euros co que se pretende reforzar este servizo do que a Xunta se desentendeu. Tamén o sistema de Teleasistencia contará cun orzamento de 70.000 euros para cubrir ás persoas que recibían este servizo no municipio de Lugo.

Finalmente, o Fogar do Transeúnte contará cun orzamento de 80.000 euros en comida xa que, como informou a Concelleira, aumentou considerablemente o número de persoas que solicitan os menús diarios. “O Concello de Lugo si que pode dicir que os seus orzamentos son sociais xa que intentamos paliar o que outras administracións non queren facer ou non son capaces de facer” rematou González Abelleira.

 

Multimedia

Noticias relacionadas