Lugo Transforma incorpora a unha das únicas seis firmas nacionais especializadas na producción de comida para mascotas

A marca, baseda na economía circular e centrada na fabricación e venda de pensos e snacks para animais de compañía, recibirá un investimento de 200.000€ en dúas operacións.

A compañía, orixinaria de Lugo, destinará os fondos a aprovisionamentos e contratación de persoal, coa previsión de xerar 20 novos postos de traballo nos próximos 5 anos.

Paula Alvarellos destacou que “o seu modelo de negocio aposta pola  reciclaxe e a proximidade, cunha clara vocación pola economía local, sustentada por provedores galegos”.

Ata a data, lévanse presentado un total 73 proxectos ao fondo emprededor, dos que 14 se atopan actualmente en análise, cun investimento materializado de 1.910.000 euros.

Venres, 09 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo Transforma incorpora a unha das únicas seis firmas nacionais especializadas na producción de comida para mascotas

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presentou esta mañá á sétima das empresas que recibirá financiamento da Estratexia Lugo Transforma. Unha ambiciosa iniciativa que o Executivo municipal puxo en marcha durante a pandemia, co obxectivo de impulsar a diversificación industrial do municipio e promover a creación de emprego estable e de calidade. Acompañada polo presidente de Torsa Capital, Jesús Serafín Pérez, polo seu Conselleiro Delegado Jesús Torres e o analista de investimento desta sociedade, Jorge Leiro, e o interventor municipal, Paula Alvarellos recibiu a Mario Balboa e Virgilio Vicente de DosDog, como unha nova beneficiaria do fondo emprendedor.

DosDog naceu en Lugo no ano 2020 enmarcada dentro do sector ‘PetFood’. “A súa actividade céntrase na fabricación e venda de produtos alimenticios, pensos e snacks deshidratados para mascotas, coa particularidade de facelo a partir de desfeitos procedentes da industria cárnica, cun modelo baseado na sustentabilidade, a reciclaxe e a economía circular”, explicou a rexedora, quen puxo en valor o feito de que este modelo “vai en consonancia coas liñas de actuación determinadas dende o Concello e que son, tamén, eixe vertebrador do Fondo”.

Deste xeito, a compañía leva a cabo a produción nunha nave situada no Polígono de As Gándaras (Rúa Leopoldo Hernández Robredo 12-14) e destaca pola súa “clara vocación pola economía local, sustentada por provedores galegos e sen dependencia do exterior, xerando riqueza na nosa comunidade”, apuntou Alvarellos.

A alcaldesa explicou que o investimento en DosDog será de 200.000 euros. A firma destinará estes fondos a aprovisionamentos e contratación de persoal, coa previsión de xerar 20 novos postos de traballo directos na cidade nos próximos cinco anos, pasando dunha plantilla formada por 2 empregados na actualidade a contar cun equipo de 22 persoas nos próximo cinco anos. “O apoio ao emprendemento é un piar fundamental  da nosa política de dinamización económica, coa que pretendemos expandir o noso tecido produtivo, xerar emprego de calidade e fixar poboación, avanzando así nun Lugo de oportunidades”, apunto a rexedora.

Pola súa banda, Jesús Torres, de Torsa Capital, explicou que este investimento realízase a través de dúas operacións: 100.000 euros en participación en capital (equity) e 100.000 euros en préstamo participativo convertible, “o que supón que se lles concederá un préstamo a cinco anos que nos dá dereito, en determinados supostos, a converter o principal pendente de amortizar en capital da sociedade”.

O Conselleiro delegado subliñou que a iniciativa Lugo Tranforma adquire unha maior importancia estratéxica no contexto económico actual.  “As empresas ás que se dirixe o fondo teñen especial dificultade á hora de obter financiamento tradicional debido á súa mocidade e por tanto escaso "track record" (bagaxe financeira) e cando o fan deben aterse, non só a un contexto macroeconómico onde impera a escalada de tipos de interese, senón que deben facer fronte a uns diferenciais elevados, que compensen a asunción do risco por parte da entidade financeira”, proseguíu.

“Ademais ao que a capital risco refírese, 2023 foi un ano onde asistimos a unha forte retardación da actividade a nivel internacional, tanto en volume de financiamento (-34% VS 2022), como en número de proxectos financiados (-18% vs 2022). No caso concreto de España, estás cifras roldan o -50% en ambos os casos”, explicou.

 Os xerentes da firma, que destacaron o valor da iniciativa e agradeceron o apoio recibido por parte do Concello, explicaron que os alimentos se obteñen a través da reciclaxe e aproveitamento de produtos cárnicos con pouca ou nula saída, nunha clara aposta por un sistema baseado na economía circular. “Ademais, dámoslle un valor engadido a produtos de proximidade, xa que traballamos directamente con provedores e ganderías da comunidade”, indicaron.

Tras a comparecencia, a alcaldesa convocou aos grupos da corporación a unha xuntanza na que,  acompañada do presidente de Torsa Capital e o seu conselleiro delegado, deu conta do nivel de implantación e diferentes avances dentro da estratexia Lugo Transforma.

Lugo Transforma

O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo - que mobilizou 12 millóns de euros - e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanán e Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.

Ata a data, lévanse presentado un total 73 proxectos ao fondo Lugo Transforma, dos que 14 se atopan actualmente en análise, cun investimento materializado de 1.910.000 euros nas sete incorporacións xa efectivas (LexDigo, Innogando, InVerbis, Techaway, Boldest, Monkey Markets e DosDog) que xuntas crearán en torno a 230 postos de traballo directo no municipio.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a Estratexia Lugo Transforma | Descargar mp3
  • O conselleiro delegado de Torsa Capital, Jesús Torres, sobre a Estratexia Lugo Transforma | Descargar mp3
  • O emprendedor de DosDog, Virgilio Vicente, sobre a Estratexia Lugo Transforma | Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo Transforma incorpora a unha das únicas seis firmas nacionais especializadas na producción de comida para mascotas
  • Lugo Transforma incorpora a unha das únicas seis firmas nacionais especializadas na producción de comida para mascotas

Noticias relacionadas