Lugo reúne aos mellores cabalos de Pura Raza Española en Equigal

A Alcaldesa achegouse ao Pazo de Feiras para dar a benvida aos participantes no campionato internacional morfolóxico e funcional desta raza

Venres, 03 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, achegouse este venres ao Pazo de Feiras e Congresos de Lugo para dar a benvida aos participantess no IX Concurso Morfolóxico e Funcional de Pura Raza Española, no que se darán cita máis de 130 cabalos de 44 ganderías, 30 delas galegas. Trátase dunha proba de máxima categoría, enmarcada dentro do IX Salón do Cabalo Equigal, que é clasificatoria para o Campionato de España. O domingo 5 de xuño celebrarase, a partir 17:30 horas, unha das catro probas oficiais de Enganches Indoor que organiza a Federación Hípica Galega e no que participan 20 cabalos. Esta proba consiste en realizar unha serie de exercicios en coche de cabalos. Estas competicións son moi concorridas, xa que os cabalos realizan probas que deixan unhas imaxes espectaculares.Nesta xornada, pola tarde, tamén haberá un espectáculo de doma de cabalos de Pura Raza Galega no que participarán 12 cabalos, un evento dirixido pola Asociación de criadores de Pura Raza Galega.

Na súa visita, a rexedora, a quen non lle faltaron palabras de agradecemento á organización por convertir a Lugo un ano máis en capital equina, puxo en valor a repercusión que ten para a cidade non só este concuro senón Equigal, que deixa unhas 400 prazas hoteleiras ocupadas, uns 15.000 visitantes e un volume de negocio de 500.000 euros. “Equigal fai Lugo e faino ben”, subliñou a rexedora quen lle desexou sorte aos participantes e os convidou a coñecer os encantos da cidade.

Noticias relacionadas