Lugo, orgullosa de ser cidade acolledora do movemento feminista o 3M, prepara a cita das "Mulleres con forza"

Nesta liña, o Goberno decidiu facer folga e renunciar ao soldo correspondente ao día 8M co fin de apoiar o parón convocado para visibilizar o papel da muller e reivindicar igualdade e un mundo máis xusto, no que non teña cabida o patriarcado

Ana Abelleira convidou a cidadanía a sumarse ao movemento #3MVouALugo e a toda a programación, "que busca rexeitar a desigualdade coa que nos tentan rodear as políticas contrarias aos dereitos que as mulleres fomos acadando ao longo do tempo"

Martes, 12 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, orgullosa de ser cidade acolledora do movemento feminista o 3M, prepara a cita das "Mulleres con forza"

Lugo, orgullosa de ser cidade acolledora do movemento feminista galego e da manifestación feminina unitaria, que a Plataforma Galegas 8M decidiu celebrar na cidade o vindeiro 3 de marzo. Así o puxo de manifesto a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e inclusión, Ana Abelleira, quen avanzou que o Concello se está preparando para acoller a cita das Mulleres con forza, "pois temos que ser fortes para acabar co patriarcado e co machismo e non dar un paso atrás en materia de igualdade". De feito, o Concello creou este slogan para amosar, a través da fortaleza da Muralla, as fortalezas das mulleres.

Nesta liña, o Goberno de Lugo decidiu facer folga e renunciar ao soldo correspondente ao día 8 de marzo co fin de apoiar o parón convocado con motivo do Día da Muller no ámbito laboral, de coidados, de consumo e estudiantil para visibilizar o papel da muller e reivindicar igualdade e un mundo máis xusto, no que non teña cabida o patriarcado e no que se garante a igualdade de oportunidades e dereitos, así como unha sociedade na que non se asasine polo feito de ser muller.

Así mesmo, a Concelleira tamén avanzou o programa de actividades que ultima o Concello polo Día da Muller, en colaboración coa Plataforma Feminista de Lugo, que forman parte de Galegas8M; no que se engloban, como actos institucionais, a entrega de premios Entre Mulleres -o propio 8 de marzo- ou a Andaina pola Igualdade pola Muralla, o 10 de marzo; ademais da mobilización do 3 de marzo, que dará comezo ás 12:00 horas da mañá, percorrendo as rúas de Lugo ata a Praza Horta do Seminario, onde se lerá un manifesto.

Para rematar, Abelleira convidou a cidadanía a sumarse tanto ao movemento #3MVouALugo como a toda a programación, "que busca rexeitar a desigualdade coa que nos tentan rodear as políticas contrarias aos dereitos que as mulleres fomos acadando ao longo do tempo".

Audio

  • A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e inclusión, Ana Abelleira, sobre o 3M e o "Mulleres con forza" | Descargar mp3

Noticias relacionadas