A alcaldesa de Lugo presenta LugoPoética 2025, unha publicación que pon en valor a creación literaria en galego

Entre os autores participantes hai perfís moi diversos: alumnado da UNED, mestres, labregos, filósofos, sacerdotes ou parellas vinculadas tamén á creación literaria, unha pluralidade que reforza o espírito aberto e integrador desta iniciativa cultural.

Martes, 12 de maio de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo presenta LugoPoética 2025, unha publicación que pon en valor a creación literaria en galego

O salón de sesións da Casa do Concello acolleu a presentación de LugoPoética 2025, unha publicación que recolle as conversas organizadas pola UNED e o colectivo cultural Egeria con trece poetas das terras lucenses.

O acto presidido pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, contou coa participación do responsable da editorial Egeria, Xulio Xiz; do coordinador dos encontros, Xosé Carlos Ulloa; da directora da UNED de Lugo, Ana Traseira; e do secretario xeral da Lingua, Valentín García.

A publicación recolle as achegas poéticas de Mar Ferreiro, Lucía López Cancio, Gustavo Díaz, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Ana Vila, Paco Ledo, Manuel Regal, Xosé Miguélez, Xoán Neira, Toño Núñez, Miguel Ángel Martínez Quintanar e Abraham Pérez.

Durante a presentación participaron varios dos autores incluídos nesta edición, entre eles o concelleiro Gustavo Díaz. Ademais, a poetisa Ana Vila Portomeñe, autora dun poema dedicado á cidade de Lugo, entregou á alcaldesa esta composición enmarcada como mostra de homenaxe e afecto á cidade de Lugo.

Na súa intervención, Elena Candia, ratificou o seu apoio a esta iniciativa  entendendo que “a promoción da literatura, da poesía forman parte do compromiso institucional coa cultura e co talento da noso municipio”.

LugoPoética naceu co obxectivo de dar visibilidade á ampla tradición poética lucense e achegar ao público tanto voces consolidadas como novos autores que destacan pola súa creación literaria en galego. Esta publicación recolle o contido dos encontros desenvolvidos ao longo do ano, que son retransmitidos e arquivados a través das plataformas da UNED.

Multimedia

  • A alcaldesa de Lugo presenta LugoPoética 2025, unha publicación que pon en valor a creación literaria en galego

Noticias relacionadas