A alcaldesa sinala que o derradeiro trámite para a súa entrada en vigor foi a publicación do seu anuncio, onte, no BOP, logo de que non se presentara ningunha alegación ao proxecto

Dende hoxe, martes, 19 de xaneiro, o Concello de Lugo pode dispoñer dos presupostos do 2021: os Orzamentos da Recuperación e os máis cuantiosos dos últimos anos.
Lara Méndez cualificounos como “a ferramenta imprescindible” que permitirá materializar os proxectos programados e seguir ofrecendo á veciñanza un amplo abano de servizos públicos de calidade. “Nun contexto histórico, ademais, no que a súa finalidade será a de contribuír a que o municipio saia reforzado da crise social e económica na que está derivando a pandemia, para o que destinaremos máis do 29% dos mesmos, 31’2 millóns de euros, a políticas asistenciais”, asegurou a rexedora. “Serán un escudo fundamental – abondou – para amparar o incremento do número de demandantes de prestacións que está a propiciar o Covid”.
En total, 106’4 millóns de euros, cos que o executivo de Lara Méndez pretende, entre outras actuacións, ampliar os espazos peonís, crear novas urbanizacións, zonas verdes, parques infantís e áreas de esparexemento e deportivas. “En definitiva, mellorar o patrimonio e a conectividade de Lugo, as infraestruturas e dotacións públicas, tanto na cidade como no rural”, sinalou a alcaldesa ao tempo que incidiu no feito de que “estas contas manterán, como eixo transversal a perspectiva de xénero e a loita contra o cambio climático”.
Méndez fixo fincapé igualmente en que posibilitarán un gran esforzo inversor xa que “coas iniciativas previstas para este exercicio, unidas ás desenvolvidas no último ano, implican unha mobilización de recursos superior aos 49 millóns de euros, “que destinamos a impulsar a segunda gran transformación da cidade, a súa dinamización, a innovación e o emprendemento, cuestións todas de vital importancia para un crecemento económico sólido e continuado. Para que poidamos seguir medrando, resistindo e respostando de forma proactiva a esta crise que nos afecta, tamén da man da estratexia Lugo Transforma”.
O anuncio do documento, este luns, no BOP foi o derradeiro trámite que permitirá a administración local comezar a empregalos dende hoxe mesmo, ampliando o prazo de execución a practicamente todo o ano.
A rexedora quixo destacar, alén, o feito de que durante o proceso de alegacións, que rematou o pasado mércores, 13 de xaneiro, non fora presentada nin unha soa reclamación ao respecto nin por parte de colectivos ou particulares, nin tampouco pola dos grupos da oposición que se ben, non apoiaron estas contas, como vén sendo costume, tampouco achegaron, nos cauces establecidos, ningunha outra proposta para modificalas, ao igual que fixeron coa revisión das Ordenanzas”, concluíu.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a entrada en vigor dos orzamentos | Descargar mp3