O investimento total será de preto de 15 millóns de euros, destinados á modernización, accesibilidade e sostibilidade da contorna da Avenida da Coruña, A Milagrosa e o Barrio Feijoo.
O financiamento europeo permite abrir unha senda financeira que premiará a boa execución e que podería ampliar os fondos dispoñibles para seguir transformando a cidade.
O alcalde Miguel Fernández subliñou que “o Novo Norte vai transformar a zona máis habitada da cidade, mellorará a mobilidade e, sobre todo, a vida da nosa xente”.

Lugo celebrou hoxe a concesión de máis de 8,7 millóns de euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través da estratexia EDIL, que permitirán impulsar o proxecto Novo Norte cun investimento global de preto de 15 millóns de euros. Para anunciar esta noticia histórica, celebrouse unha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Miguel Fernández, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, e a xefa de servizo, Isabel Villamor, responsables políticos e técnicos dunha estratexia chamada a marcar un antes e un despois no desenvolvemento urbano de Lugo.
O rexedor salientou que “o Novo Norte vai transformar a zona máis habitada da cidade, mellorará a mobilidade e, sobre todo, a vida da nosa xente. Ese é o noso obxectivo e hoxe, grazas a Europa e grazas ao esforzo de todos e todas, estamos máis preto de conseguilo”. Fernández lembrou ademais que Lugo xa demostrou en proxectos anteriores como Muramiñae ou Corazón Verde a súa capacidade para executar fondos europeos con solvencia e eficacia: “esas experiencias son a mellor garantía de que tamén seremos quen de levar a bo porto esta nova transformación”.
A intervención abrangue a contorna da Avenida da Coruña, A Milagrosa e o Barrio Feijoo, onde residen máis de 25.000 lucenses, e inclúe actuacións de modernización urbana, mellora da accesibilidade, fomento da sostibilidade e reforzo da mobilidade. O proxecto tamén servirá para integrar barrios tradicionalmente illados pola vía do tren, como As Gándaras, o Sagrado Corazón ou Paradai, permitindo avanzar cara a unha cidade máis cohesionada, accesible e vertebrada en todos os seus eixes.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, destacou que “Lugo hoxe está de celebración, non hai mellor forma de empezar as festas patronais que dando esta boa noticia. Estamos a falar de dúas grandes actuacións: por unha banda, a transformación da Avenida da Coruña, arteria vital da nosa cidade desde o punto de vista comercial e residencial; e por outra, a mellora dos accesos á intermodal, que vai facilitar a mobilidade e unir o casco histórico coa nova estación”.
Repetto puxo en valor o traballo realizado polo equipo municipal e lembrou que “estes fondos europeos son froito dun traballo intenso, liderado en orixe pola nosa querida Paula Alvarellos, e que hoxe temos a responsabilidade de executar ben. Non se trata dun diñeiro nunha hucha, senón dunha senda financeira que premia a boa xestión: se facemos os deberes e executamos con rigor, poderemos optar a máis fondos e ampliar o alcance desta estratexia”.
Pola súa parte, a xefa do servizo de Desenvolvemento Local, Isabel Villamor, explicou o percorrido técnico do proxecto e puxo en valor a planificación estratéxica que fixo posible este éxito. “Os deberes comezaron xa no ano 2022, cando aprobamos a Axenda Urbana, que serviu de base para a elaboración do EDIL. Isto permitiunos chegar con vantaxe á convocatoria, porque tiñamos xa moito traballo avanzado e indicadores definidos”, sinalou.
Villamor detallou a complexidade da estratexia, que obriga a cumprir porcentaxes concretos en ámbitos como espazo verde, novas tecnoloxías, infraestruturas ou servizos sociais. “Houbo que construír un plan de actuación integrado, que combinase estes requisitos con proxectos reais que a cidade necesita. Para iso foi fundamental a colaboración de numerosos servizos municipais —Urbanismo, Arquitectura, Enxeñería, Informática, Medio Ambiente, Benestar, Arqueoloxía— ademais dunha consultora especializada”, engadiu.
A responsable técnica subliñou que o proxecto inicial estaba dimensionado para 20 millóns de euros e que finalmente se financia cun 60%, fronte ao 80% das convocatorias anteriores. Con todo, Lugo quedou cun recorte do 27%, por debaixo do 30% que obrigaría a reformular a senda financeira. “Isto permítenos manter todas as actuacións previstas sen necesidade de recortar o plan. Temos horizonte de execución ata 2029, con revisións bianuais, e estamos convencidos de que imos cumprir coas expectativas”, apuntou Villamor.
O alcalde pechou a presentación lembrando que este logro é “froito dun traballo coral de todo o Goberno local, no que participaron de maneira coordinada numerosas áreas municipais. Hoxe consolidamos un modelo de cidade máis sostible, máis integrada e pensado para mellorar a vida da nosa xente. O Novo Norte é tamén o Novo Lugo que queremos construír”.



