Lugo celebra o día das matemáticas con actividades na rúa

Maite Ferreiro anunciou a colaboración do concello coa Federación Galega de Sociedades de Profesorado de Matemáticas.

Ferreiro: "na mañá do domingo, a praza Maior encherase de actividades relacionadas coas matemáticas enfocadas de xeito lúdico e festivo".

Venres, 14 de marzo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo celebra o día das matemáticas con actividades na rúa

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou no Día Internacional das Matemáticas que o Concello de Lugo se une á iniciativa da Federación Galega de Sociedades de Profesorado de Matemáticas e achegará a ensinanza desta materia ás rúas na mañá deste domingo, 16 de marzo. Ferreiro destacou que esta iniciativa, posta en marcha por profesoras e profesores, "saca ás matemáticas fóra do contexto académico para levalas á rúa e achegalas ao público xeral, facéndoas atractivas e accesibles ás veciñas e veciños".

A actividade, que se celebrará o domingo a partir das 11h na praza Maior (no Vello Cárcere en caso de choiva), aposta por un enfoque lúdico e festivo, xerando un clima de lecer que permite romper cos mitos que as rodean. Ademais, fomenta a colaboración interxeracional e de distintos niveis de formación. A manipulación activa de materiais e xogos forma parte da esencia de Matemáticas na Rúa. Esta interacción crea unha experiencia estimulante coas Matemáticas para os participantes.

Entre os diversos materiais utilizados destacan categorías como crebacabezas, superficies minimais, cadrados máxicos, bingos matemáticos, xogos de mesa, cordas e quebracabezas, entre outros. A categoría de quebracabezas é onde a diversidade alcanza o seu punto álxido. Os quebracabezas, coa súa capacidade para desafiar e entreter, convértense no grupo máis heteroxéneo de materiais.

O Día das Matemáticas celébrase en todo o mundo o 14 de marzo (3-14 no contexto anglosaxón) por seren estas as primeiras cifras do número pi.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o Día Internacional das Matemáticas | Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo celebra o día das matemáticas con actividades na rúa

Noticias relacionadas