Lugo avoga por unha sociedade inclusiva, que respete a diferenza e a diversidade no Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Luns, 03 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo avoga por unha sociedade inclusiva, que respete a diferenza e a diversidade no Día Internacional das Persoas con Discapacidade

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto con outros membros da Corporación Municipal, o Deputado de Relación Institucionais, Álvaro Santos, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López e outras autoridades; participaron este luns na lectura do manifesto polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Tamén asistiron directivos e persoas usuarias de diversos colectivos sociais que desenvolven o seu labor neste eido en Lugo.

No manifesto, Lugo avoga por unha sociedade inclusiva, que respete a diferenza e a diversidade.

O manifesto

O 3 de decembro celebramos o Día Internacional das persoas con discapacidade.

Neste día, as asociacións que traballamos POR e PARA as persoas con discapacidade queremos manifestar:

Parece sorprendente que, no século XXI, haxa colectivos de persoas con algún tipo de discapacidade que aínda estean a reivindicar dereitos que son inherentes a todas as persoas, independentemente da condición que teñan.

A Convención Internacional de Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade recoñece que todas as persoas son iguais ante a lei e prohibe calquera tipo de discriminación en razón á discapacidade.

Esta lei foi aprobada polas Nacións Unidas o 13 de decembro de 2006 e ratificada polo Estado Español no Parlamento, en abril do 2008. A Axenda 2030 promete "non deixar a ninguén atrás". As persoas con discapacidade, tanto beneficiarias como axentes de cambio, poden acelerar o proceso cara a un desenvolvemento inclusivo e sustentable e promover unha sociedade que avance para todos.

A pesar de que a nosa participación en todas as actividades e facetas da vida implica un enriquecemento xeneralizado para toda a cidadanía e para as estruturas que compoñen a sociedade, a realidade é que aínda os dereitos, liberdades e igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade non están garantidos.

Este déficit estrutural está motivado pola falta dunhas políticas sociais verdadeiramente comprometidas cos problemas das persoas, o incumprimento crónico da normativa sobre discapacidade e a ausencia dun sistema eficaz de infraccións e sancións.

Ante esta situación e para afrontar os retos futuros da nosa sociedade dunha forma xusta, sustentable e participativa, o movemento asociativo das persoas con discapacidad PROPONE:

1.- Para que as persoas con discapacidade poidan alcanzar unha educación e unha formación adecuada, debémoslles achegar os apoios necesarios en todas as etapas da súa vida. Un modelo de educación completamente inclusivo sería o ideal, ao que hai que aspirar. Estamos convencidos diso. Tanto como que a día de hoxe estamos moi lonxe, para algún tipo de discapacidade, de lograr unha inclusión minimamente aceptable que permita prescindir dos centros de Educación Especial. Polo que avogamos que coexistan diferentes modelos educativos.

2.- O traballo é un dereito que todas as persoas temos, como realización do proxecto de vida Principio del formularioindependente. Por iso, é necesario que todas as empresas e administracións públicas respecten a cota establecida de contratación de persoas con discapacidade. No noso colectivo, entre as persoas que se atopan en idade de traballar, hai moito talento, talento que unha sociedade plural non se pode permitir non facer uso del.

3.- O emprego protexido debe ser unha prioridade. Para iso, as Administracións deben comprometerse na contratación dos servizos que se ofrecen desde os centros especiais de emprego, así como apoiar os centros ocupacionais como fomento do mesmo e itinerario cara á inserción e inclusión laboral.

4.-As vivendas de promoción pública deben cumprir as normas de accesibilidade, habitabilidade e reserva dun número determinado para persoas con discapacidade.

5.- Contar cunha atención sociosanitaria coordinada, continuada e personalizada, que busque manter uns estándares de calidade de vida de todas as persoas, apoiándose na investigación e as novas tecnoloxías.

6.- A afectividade é importante na vida de todas as persoas e todas, mesmo aquelas que teñen grandes necesidades de apoio, teñen dereito a decidir sobre ela e como vivila.

7.- A práctica do deporte é fundamental. Os deportistas con discapacidade son capaces de esforzarse e conseguir éxitos soados e de pasear o nome de Lugo máis aló das nosas fronteiras.

Principio del formulario

8.- Que as administracións públicas, empresas, prestadores de servizos, medios de transporte e medios de comunicación asuman a súa responsabilidade para que todo produto, contorna, ben ou servizo, sexa accesible.

Para terminar queremos resaltar que o traballo realizado polas asociacións, como as que estamos hoxe aquí, fixeron que avanzásemos na atención, demos visibilidade ao colectivo, colocando sempre no centro ás persoas e tentando dar o protagonismo que merecen nunha sociedade xusta e solidaria.

Conseguimos ter unha cidade máis accesible e inclusiva, eliminando barreiras arquitectónicas, pero aínda temos que seguir traballando para lograr un cambio de mentalidade nalgunhas persoas xa que as barreiras de pensamento son as máis difíciles de superar.

As persoas con discapacidade queremos ser cidadáns de pleno dereito nunha sociedade inclusiva que respecta a diferenza e a diversidade.

Noticias relacionadas